O PP demanda a renovación urxente da estrada LU-P-6101 ao seu paso por Trabada
Os deputados populares Antonio Ameijide e José María Fernández revisaron o estado da estrada provincial LU-P-6101 ao seu paso por Trabada, onde subliñaron a necesidade dunha intervención inmediata para mellorar a seguridade vial. Segundo os representantes do Partido Popular, a vía atópase nun estado de deterioro avanzado, con tramos nos que é case imposible que dous vehículos se crucen, o que representa un risco evidente para a circulación.
José María Fernández, deputado popular e voceiro en Trabada, alertou de que a estrada é empregada a diario por numerosos veciños da zona, ademais de soportar un elevado tráfico de maquinaria agrícola e camións que transportan madeira. Esta situación esixe unha intervención que inclúa non só o aumento do ancho da vía, senón tamén a mellora do pavimento, moi danado en diversos puntos. “En Trabada, necesitamos que as estradas da Deputación estean en condicións óptimas, xa que son fundamentais para garantir a comunicación entre os diferentes núcleos de poboación, e o acceso a puntos clave como o Hospital da Costa”, destacou Fernández.
O portavoz popular tamén sinalou a necesidade de realizar labores de desbroce da vexetación, poda das árbores e repintado da sinalización horizontal, co obxectivo de mellorar a visibilidade e seguridade da vía. Fernández criticou que o goberno da Deputación de Lugo non teña prestado a debida atención ás demandas dos veciños de Trabada, e instou ao alcalde socialista a empregar a mesma enerxía en resolver os problemas locais que utiliza para criticar a outras administracións. O Partido Popular da provincia de Lugo continuará reivindicando a renovación desta estrada, clave para a conectividade e o desenvolvemento económico da comarca da Mariña.