O PP de Viveiro pide máis respecto polos bens patrimoniais

AMariñaXa
A portavoz, Mariña Gueimunde, explica que “os espazos verdes e as escaleiras da igrexa de San Francisco son de competencia do Concello” igual que o cemiterio de Viveiro “porque é municipal”
Entorno-cemiterio-municipal-Viveiro
4 Out 2024

A portavoz do PP de Viveiro, Mariña Gueimunde, afea que “os membros do goberno municipal non saiban cales son as competencias e o patrimonio do Concello”. Así o manifesta atendendo á resposta de Míriam Bermúdez -tenente de alcaldesa do BNG- no último pleno a un rogo de XViveiro sobre a limpeza e roza da contorna da igrexa de San Francisco na que afirmaba que “nada tiña que ver co Concello e llo reclamasen ao clero para que cumpra coa ordenanza que se acaba de aprobar” ante a presenza da señora María Loureiro -alcaldesa polo PSOE- sen que “abrise a boca para corrixila”.

Gueimunde explica que “non hai máis que consultar o visor dos bens patrimoniais do noso Concello para ver que tanto as escaleiras coma os espazos verdes son municipais. É máis, alí están aloxados os servizos sociais do Concello”. A popular sinala que “estamos cada vez peor e o que esiximos ao goberno local é un pouco de respecto”. E máis concretamente á  tenente de alcaldesa pídenlle que “se poña as pilas” porque “fala de que sexa o clero o que se faga cargo das rozas e labores de mantemento do cemiterio, pero o de Viveiro é municipal. Hai outros que son parroquiais, pero o de Viveiro é competencia do Concello”.

“Crese que non ten nada que ver coa contorna da igrexa nin co cemiterio, a tenente de alcaldesa está afastada da realidade do noso Concello porque, gústalle máis ou gústelle menos, a nosa historia e o noso patrimonio está moi vinculado ao clero”, engade. De feito, “non hai nada máis que ver que a nosa Semana Santa está declarada Festa de Interese Turístico Internacional”, conclúe.

0.27377796173096