O PP de Lourenzá critica que o orzamento para 2024 "chega tarde"

AMariñaXa
O portavoz popular, Roberto Díaz, subliña que “parece que o Goberno municipal socialista non estaba capacitado para sacalos adiante en tempo e forma”
concello-de-lourenza
22 Jul 2024

Os orzamentos de Lourenzá para o ano 2024 “chegan tarde, mal e arrastro”, critica o PP de Lourenzá. O propio informe de Secretaría-Intervención advirte que “incumpren a lei” porque “se deberían presentar para a súa aprobación no pleno antes do 15 de outubro do ano anterior”. O portavoz popular, Roberto Díaz, subliña que “parece que o Goberno municipal socialista non estaba capacitado para sacalos adiante en tempo e forma” e demostra que “tampouco é capaz de dirixir o Concello” á vista de que “no ano 2023 gastou máis diñeiro do que ingresou”.

Durante o pleno saíron adiante os orzamentos co voto a favor do equipo de goberno, o PSOE. Os concelleiros do Partido Popular votaron en contra porque “a maior parte do orzamento (1,9 millóns de euros que supoñen o 73 %) dirixirase a gastos de persoal e gastos correntes: para pagar nóminas, facturas a empresas que prestan servizo ao Concello ou gastos en subministración enerxética, por exemplo”. Só se reserva un 16% para investimentos, pero “condicionados a que o Concello reciba axudas doutras administracións”.

É dicir, “dependemos totalmente do resto de administracións e da xestión do goberno municipal á hora de tramitar axudas”. Os populares censuran, ademais, que “o propio goberno xa reflicta nos orzamentos a súa pouca esperanza para captar investimentos ou proxectos emprendedores para Lourenzá ao prever unha cifra irrisoria de ingresos polo imposto de obras”. E “se non hai obras, non hai creación de emprego, nin dinamización económica nin asentamento da poboación”.

Os concelleiros do PP tamén lembran que “o incremento no capítulo de gastos de persoal responde, ademais de facer fronte á subida do salario mínimo interprofesional, ao deber de dar cumprimento á sentenza que condena ao Concello a pagar atrasos e intereses por non ter pagado salario recollido na Relación de Postos de Traballo (RPT)”.

E amosan a súa preocupación ante e a posibilidade de que “as contas poidan estar infladas igual que as do 2023, anualidade na que se constatou que prevían percibir máis do que finalmente ingresaron”. Por outra banda, subliñan que “o propio goberno recoñece a través da súa proposta de orzamentos que a Xunta é a administración que máis diñeiro inviste en Lourenzá con moita diferencia”. De feito, “aporta un 25,3 % (663.723,73 euros) do total dos ingresos do Concello: un de cada catro euros”.

0.16860198974609