O PP de Foz propón crear unha mesa de expertos para asesorar no nomeamento das rúas do municipio

O Grupo Municipal do Partido Popular de Foz formulou a creación dunha mesa consultiva formada por expertos e representantes políticos co fin de asesorar no proceso de elección e denominación das rúas do municipio.
A proposta, defendida polo portavoz popular, Javier Castiñeira, busca establecer un órgano de apoio que permita analizar con maior profundidade as futuras designacións, garantindo —segundo explican desde o PP— “o máximo rigor, consenso e obxectividade” nun asunto que consideran especialmente relevante para a identidade colectiva da localidade.
Desde o grupo popular sinalan que valoran positivamente que as propostas poidan xurdir da participación veciñal, aínda que lembran que a decisión final corresponderá á Corporación municipal. Neste sentido, Castiñeira defende que a elección dos nomes das rúas debe realizarse “cunha visión ampla, responsable e pensando sempre no interese xeral do municipio”.
A iniciativa aposta por incorporar á mesa persoas vinculadas ao coñecemento histórico e cultural de Foz, ademais de representantes dos distintos grupos políticos. Entre as figuras que consideran imprescindibles figura o cronista oficial da vila, Xoán Ramón Fernández Pacios.
O portavoz popular destacou que a participación do cronista oficial resultaría “fundamental” tanto polo valor institucional da súa figura como polo coñecemento histórico que pode achegar ao proceso. Ademais, o PP considera conveniente sumar outras persoas que poidan contribuír con documentación, análise e experiencia sobre a historia local.
Segundo explican os populares, durante o último pleno municipal preguntaron ao goberno local se xa existira algún contacto co cronista oficial respecto desta cuestión. Tal e como sinala Castiñeira, o alcalde recoñeceu que aínda non se producira esa reunión, aínda que amosou disposición a mantela proximamente.
Desde o Partido Popular consideran que a constitución desta mesa debería producirse antes de adoptar calquera decisión definitiva sobre novos nomes para as rúas do municipio.
A formación insiste en que Foz conta con numerosas persoas e acontecementos merecentes de recoñecemento público, polo que consideran necesario desenvolver este proceso “coa maior responsabilidade posible” e evitando decisións precipitadas.
Os populares defenden ademais que as futuras denominacións estean respaldadas por valoracións técnicas e históricas elaboradas por persoas coñecedoras da realidade local, favorecendo así acordos amplos e consensuados.