A veciñanza de Foz poderá bautizar once rúas sen nome coas súas propostas

Foz
AMariñaXa
O Concello abrirá do 30 de abril ao 31 de maio un proceso participativo para escoller denominacións vinculadas coa historia, a identidade e a memoria colectiva da vila
FOZ nome calles
18 Apr 2026

O Concello de Foz porá en marcha nas próximas semanas un proceso participativo para dar nome a once rúas do casco urbano que na actualidade carecen de denominación oficial. A iniciativa, impulsada pola área de Participación Cidadá, busca implicar á veciñanza na configuración do espazo público e reforzar a identidade colectiva do municipio.

O prazo para presentar propostas estará aberto entre o 30 de abril e o 31 de maio, ambos os dous días incluídos. Cada persoa poderá rexistrar ata tres opcións, ben de maneira presencial na Casa do Concello, no CENIMA e na Biblioteca Pública Municipal Salgado Toimil, ben por vía electrónica a través do correo participacioncidada@concellodefoz.es.

As bases establecen que os nomes deberán gardar relación con Foz ou ter un valor simbólico especial para o concello. Poderán facer referencia a accidentes xeográficos, a persoeiros ilustres vinculados á localidade, a mulleres relevantes da historia focense ou a outros elementos de especial importancia para o municipio. Quedarán fóra, en todo caso, as figuras políticas, ao considerar o goberno local que xa están representadas na rúa Corporacións Municipais.

Unha vez pechado o prazo, o Concello revisará as propostas para comprobar que cumpren os requisitos e elaborará unha listaxe de candidaturas finalistas. Esa selección someterase despois a unha consulta pública aberta á veciñanza empadroada, que poderá elixir os nomes que considere máis representativos para as once vías. O resultado pasarase logo á xunta de voceiros antes da súa aprobación definitiva en pleno.

Dende o goberno local destacan que a iniciativa pretende converterse nun exercicio de recoñecemento á historia local e ás persoas que contribuíron a construír o Foz actual. Ademais, o Concello anima tamén aos centros educativos a implicarse nun proceso que considera útil para achegar a mocidade á vida pública e ao coñecemento da memoria da vila.

0.12694406509399