O PP de Barreiros pide ao Concello que inicie o desbroce das parcelas municipais para reducir o risco de incendios

AMariñaXa
Critican o estado de abandono de varias propiedades públicas e reclaman “dar exemplo” á veciñanza
maleza-Barreiros-xuño-2026
30 May 2026

Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Barreiros solicitaron ao goberno local que acometa de maneira urxente os traballos de limpeza e desbroce nas parcelas de titularidade municipal, co obxectivo de reducir o risco de incendios e fomentar unha campaña de concienciación cidadá.

O portavoz popular, José Manuel Gómez Puente, advertiu de que numerosas propiedades do Concello presentan un estado de conservación “preocupante”, con abundante acumulación de maleza, herba alta e vexetación sen controlar. Esta situación, segundo indicou, require unha intervención inmediata por parte da administración local.

Desde o PP insisten en que o propio Concello debe asumir un papel exemplar antes de esixir o cumprimento das obrigas ao resto da veciñanza. “É necesario comezar xa cos desbroces para demostrar dende o ámbito municipal a importancia de manter as fincas en bo estado”, sinalou Gómez Puente.

Os populares lembran que estas actuacións resultan especialmente relevantes coa chegada das épocas de maior perigo de incendios forestais, xa que a limpeza das parcelas non só responde a criterios estéticos, senón que constitúe unha medida fundamental de seguridade para protexer vivendas e o patrimonio natural do municipio.

O voceiro tamén puxo o foco na normativa vixente, que obriga tanto a propietarios privados como públicos a manter limpas as súas parcelas e a controlar a biomasa vexetal. Neste sentido, advertiu de que non se pode reclamar responsabilidade á cidadanía se a propia administración local non cumpre coas súas obrigas.

“Non é coherente esixir aos particulares o cumprimento dos prazos de limpeza cando o Concello mantén fincas en estado de abandono que poden supoñer un risco”, afirmou Gómez Puente, que considera necesaria unha actuación inmediata para evitar situacións de perigo.

0.094790935516357