O PP de Barreiros denuncia o abandono das beirarrúas e reclama unha limpeza urxente da maleza

AMariñaXa
Os populares alertan de riscos para peóns pola invasión de herbas en paseos e estradas e piden actuación inmediata ao Concello e á Deputación de Lugo
Barreiros-estradas-sen-desbrozar-2026
5 May 2026

Os concelleiros do Grupo Municipal do Partido Popular de Barreiros denunciaron o estado de abandono no que se atopan numerosas beirarrúas e zonas habilitadas para o tránsito peonil en distintos puntos do municipio, debido á proliferación descontrolada de herbas e maleza que están a invadir os espazos públicos. Esta situación, sinalan, está a obrigar en moitos casos á veciñanza a camiñar pola calzada, co consecuente risco para a súa seguridade.

O voceiro popular, José Manuel Gómez Puente, advertiu de que a falta de mantemento non é só unha cuestión estética, senón un problema serio de seguridade viaria e de salubridade. “É inaceptable que en plena primavera, e xa preto do inicio da campaña de verán, cando máis xente sae a camiñar, as beirarrúas estean impracticables e cubertas de silvas e herba”, lamentou.

O PP tamén puxo o foco na necesidade de que estas tarefas de limpeza se realicen evitando o uso de herbicidas como o glifosato sódico, ao que cualifican como un produto tóxico para o medio ambiente, apostando por métodos alternativos de desbroce e mantemento.

Desde o grupo municipal instan ao goberno local a actuar con carácter urxente en dúas direccións. Por unha banda, reclaman que o Concello proceda ao desbroce e limpeza inmediata de todas as zonas de competencia municipal. Por outra, solicitan que a alcaldesa se dirixa formalmente á Deputación de Lugo para esixir a limpeza das marxes e beirarrúas das estradas da rede provincial que atravesan Barreiros, as cales presentan, segundo indican, un estado especialmente preocupante.

“Os veciños de Barreiros pagamos os nosos impostos para contar con servizos básicos dignos. O Concello non pode mirar cara outro lado mentres a maleza se apodera dos espazos de paseo”, concluíu Gómez Puente.

0.14890503883362