O PP de Alfoz alerta do estado de varias pontes provinciais e reclama actuacións urxentes da Deputación

O Partido Popular de Alfoz reclama á Deputación de Lugo unha intervención urxente en varias pontes da rede viaria provincial situadas no municipio, ao considerar que presentan deficiencias que poden afectar á seguridade das persoas usuarias. Os deputados provinciais populares realizaron unha visita á zona xunto ao presidente do PP local, Alberto Souto, e ao voceiro municipal, Juanjo Fraga, para comprobar o estado destas infraestruturas.
Segundo os populares, as pontes situadas nas estradas LU-P-0203, LU-P-0206 e LU-P-0207 presentan diferentes problemas de conservación que requiren actuacións de mantemento e reparación.
Un dos puntos que máis preocupa ao grupo provincial é unha ponte situada na LU-P-0203, próxima á conexión coa LU-P-0206. O PP asegura que xa trasladara á Deputación a situación en marzo de 2024, especialmente polos danos detectados nun dos piares, pero considera que “non se fixo nada” e que o problema “foi empeorando co paso do tempo”.
Os populares sinalan que un dos piares perdeu parte da súa base e advirten do risco que podería supoñer se a estrutura continúa deteriorándose. Neste sentido, lembran situacións similares acontecidas noutros puntos da provincia, como en Muras ou Navia de Suarna.
Tamén puxeron o foco noutra ponte da LU-P-0206, onde denuncian a presenza de vexetación que dificulta a visibilidade de elementos de protección como as barreiras laterais e un bloque de formigón. Para o PP, sería necesario realizar labores de limpeza e mellorar a sinalización da zona.
No caso da LU-P-0207, os populares aseguran que a ponte sobre o río Ouro, en Centoi, mantivo as varandas danadas durante máis dun ano, aínda que recentemente se instalou unha solución provisional. Ademais, alertan das características da ponte sobre o río Bao, cunha anchura aproximada de tres metros, fronte aos seis metros de plataforma pavimentada que presenta o resto da estrada.
Máis aló do estado das pontes, o PP de Alfoz tamén critica o que cualifica como “abandono xeneralizado” das tarefas de limpeza e conservación das estradas provinciais. A formación considera que os traballos de desbroce realizados ata o momento non son suficientes e reclama actuacións con medios manuais nas zonas que presentan maior perigo.
Outra das demandas trasladadas polos populares é a poda das árbores situadas nas marxes das vías. Segundo indican, algunhas ramas interfiren no paso de vehículos altos, o que podería provocar danos en camións, autobuses ou maquinaria agrícola, ademais de representar un risco para a circulación.
O voceiro provincial do PP, Antonio Ameijide, asegurou que estas deficiencias “se estenden á práctica totalidade da rede viaria da Deputación” e atribuíunas á falta de mantemento por parte do goberno provincial formado por PSOE e BNG. Segundo afirmou, “din que todo cambiou, pero na realidade segue todo igual”.