O PP alerta de que “está en risco a perda do terceiro GES na provincia"
O Partido Popular alerta da situación dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES) na provincia de Lugo, xa que informan de que a situación do mapa de emerxencias vén marcado pola desativación dun 25 % dos GES. O voceiro do PP, Antonio Ameijide, reclama ao goberno provincial de PSOE e BNG que “cumpra as competencias que a lei lle outorga ás Deputacións Provinciais e se implique na xestión de emerxencias na provincia, vele pola seguridade dos lucenses, garanta a continuidade dos GES en activo, traballe por recuperar o funcionamento dos que están pechados e estude a posibilidade de incrementar os efectivos e os recursos”.
Reclama solucións e afirma que dos oito GES da provincia non están en funcionamento dous pertencentes á zona da Montaña, cos problemas que supón para a comarca nesta materia”, expón. A isto hai engade: “A situación deficiente dos 6 parques comarcais de bombeiros na provincia de Lugo: tanto polo estado das instalacións ou vehículos como polas condicións laborais do persoal que, nalgunhas ocasións, é insuficiente para garantir a súa propia seguridade e manter os parques en funcionamento”.
Por poñer un exemplo, Antonio Ameijide explica que “na Mariña, por desgraza, son habituais as noticias sobre o peche dos parques comarcais -Barreiros e Viveiro-”. Neste contexto, asegura, o GES de Cervo asume máis carga de traballo e, incluso competencias que non lle son propias nesta materia na Mariña Occidental e ata na Mariña Oriental, a pesar de non corresponderse coa súa área de actuación. De feito, nos últimos catro anos incrementou nun 50 % o seu número de intervencións.
Pero, expón que “a situación é cada vez peor” xa que recentemente se facía público que o GES de Cervo estivo inactivo nalgunhas xornadas por non dispoñer de suficiente persoal debido ás dificultades para cubrir co mínimo de 3 efectivos –para dar cumprimento á lei- cada quenda de 24 horas cando se dan situacións de baixas e vacacións do persoal. “Incluso, algunhas destas xornadas coincidiron co peche dalgún ou, incluso, dos dous parques comarcais de bombeiros”, expón o popular.
De feito, destaca que “está en risco a perda deste terceiro GES na provincia sen que o goberno provincial de PSOE e BNG responda formalmente ás comunicacións da alcaldesa nin escoita o acordo adoptado o día 4 de decembro polo Pleno do Concello de Cervo para pedir o apoio da Deputación de Lugo, atendendo ás súas competencias e responsabilidades, para facer posible a súa renovación”.
Á vista de que quedan apenas semanas para a entrada en vigor dun novo convenio sobre os GES, xa que o actual expira o 31 de decembro. Ameijide indica que, “se o goberno provincial non atende á alcaldesa, o presidente da Deputación terá que render contas e dar explicacións ante o pleno provincial o 27 de decembro. Terá que explicar como pode ser que tres de oito GES provinciais non teñan actividade”.