O Concello de Cervo pídelle á Deputación de Lugo unha solución para garantir o GES

AMariñaXa
A alcaldesa, Dolores García, destaca que o servizo de prevención sinala a necesidade de incrementar o número de efectivos por quenda para cumprir cos protocolos establecidos
GES-cervo
19 Dec 2024

O Concello de Cervo espera que a Deputación reconsidere a súa posición e apoie unha solución que permita garantir o mantemento do Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES) e renovar o convenio de funcionamento a partir do 1 de xaneiro.

O Goberno local lembra que, nos municipios con menos de 20.000 habitantes, a Deputación é a administración responsable en materia de emerxencias.

Nesta liña, a alcaldesa, Dolores García, fai un chamamento aos representantes municipais do PSOE e do BNG para que reconsideren o seu voto en contra de que a Deputación asuma unha solución. Subliña que estas forzas políticas son as mesmas que gobernan na Deputación e, polo tanto, teñen a capacidade de impulsar un compromiso que garanta a continuidade do servizo.

A alcaldesa recalca que, coas actuais condicións, resulta inviable manter o GES. Ademais, destaca que o servizo de prevención sinala a necesidade de incrementar o número de efectivos por quenda para cumprir cos protocolos establecidos no convenio e salvagardar a seguridade e saúde dos traballadores.

O persoal actual, composto por doce empregados, resulta "insuficiente" debido ás baixas, permisos e vacacións, o que deixa o GES inoperativo en numerosas ocasións, pese ao seu ámbito supramunicipal.

Compromiso coa recolocación do persoal

Dolores García Caramés reafirma o seu compromiso co proceso de negociación aberto co comité de empresa, lexítimo representante dos traballadores municipais, e asegura que ningún dos doce efectivos do GES perderá o seu posto de traballo, sendo recolocados na súa totalidade noutros departamentos municipais.

Tamén aproveita para desmentir as declaracións realizadas polo sindicato CNT, organización que, ao non formar parte do comité de empresa, está allea ao proceso. A alcaldesa acusa á CNT de difundir informacións falsas co propósito de confundir á cidadanía.

Por exemplo, nega que a CNT presentase alternativas para garantir a continuidade do GES e aclara que é falso que a policía local participase na concentración de protesta celebrada onte. Segundo indica, a presenza dos axentes responde exclusivamente a un acto de servizo, tal e como eles mesmos quixeron aclarar.

Ademais, desvincula a non renovación do convenio do GES de calquera reclamación laboral, subliñando que a principal razón da renuncia radica na falta de colaboración por parte da Deputación e na imposibilidade de prestar o servizo nas condicións de seguridade e protocolos legalmente requiridos co número actual de efectivos.

0.17084813117981