O porco celta protagonizará unha degustación nas festas de Galdo en Viveiro

AMariñaXa
A iniciativa celebrarase a partir das 21.30 horas dentro do programa "Un Gusto de Rural, un Rural Degusto", que promove as razas autóctonas e o traballo das ganderías locais
festas-Galdo-deputacion-porco-celta-2026
24 Sep 2026

As festas de Galdo, en Viveiro, volverán contar este ano co programa "Un Gusto de Rural, un Rural Degusto", impulsado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo para promocionar as carnes e outros produtos procedentes das razas autóctonas galegas.

A proposta gastronómica terá lugar este venres 25 de setembro a partir das 21.30 horas, cando as persoas que se acheguen á celebración poderán participar nunha degustación de porco celta á brasa.

A actividade desenvolverase coa colaboración de Asoporcel, a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta, e da Gandería Casa Labradela, de Xove, contribuíndo así a dar visibilidade tanto a esta raza autóctona como ás explotacións que traballan pola súa recuperación e conservación.

A deputada Iria Castro presentou a iniciativa acompañada por integrantes da Comisión de Festas de Galdo e representantes de Asoporcel. A presenza do programa na celebración busca aproveitar a afluencia de público das festas populares para achegar estes produtos á cidadanía e divulgar a súa calidade.

"Un Gusto de Rural, un Rural Degusto" leva as degustacións a festas, mercados e feiras gandeiras, convertendo estas citas nun escaparate para os alimentos vinculados ás razas autóctonas. Ao mesmo tempo, o programa pretende recoñecer o labor das ganderías locais que apostan por conservar estas especies e por manter unha actividade estreitamente ligada ao territorio.

A iniciativa conta xa cunha ampla presenza na programación festiva e gandeira da provincia. No que vai de ano, a área de Rural promoveu degustacións en máis de trinta celebracións populares, mercados e feiras, ás que agora se suma novamente a cita de Galdo.

Deste xeito, a gastronomía formará parte da programación das festas viveirenses cunha proposta que combina a promoción do produto local coa divulgación das razas autóctonas galegas e do traballo das explotacións que contribúen á súa conservación.

0.15147089958191