O Pescados Rubén Burela masculino FS faise cos seus tres primeiros puntos no clásico derbi galego

AMariñaXa
Este domingo tivo lugar a terceira xornada da tempada de Segunda División de Futsal Masculino, na se celebrou o clásico derbi galego Pescados Rubén Burela FS - O Parrulo Ferrol FS no pavillón Vista Alegre de Burela.
Pescados Rubén Burela FS
Pescados Rubén Burela FS
9 Out 2023

Este domingo tivo lugar a terceira xornada da tempada de Segunda División de Futsal Masculino, na se celebrou o clásico derbi galego Pescados Rubén Burela FS - O Parrulo Ferrol FS no pavillón Vista Alegre de Burela. Despois de non comezar con moi bo pé, o equipo mariñán fíxose cos tres primeiros puntos no seu terceiro partido, segundo na casa, ante un duro rival e aspirante aos postos máis elevados da táboa. Foi un encontro bastante igualado, cheo de emoción e que se solucionou a través de pequenos detalles que marcaron un resultado final 2-1.

Un partido moi parello durante os primeiros 40 minutos que non viron o gol pero que deixaron numerosas oportunidades por ambos bandos, levantando en varias ocasións ao case milleiro de espectadores que acudiu a Vista Alegre, principalmente de Burela, pero tamén un moi notable número de seguidores do Parrulo que viaxaron desde Ferrol. Mika demostrou ser un bo substituto do muro laranxa Michal, ausente pola convocatoria coa súa selección, a polaca, para os partidos clasificatorios para o mundial. O xogador, ademais de numerosas paradas, demostrou a súa habilidade co xogo de pés durante todo o partido pero sobre todo na segunda parte, saíndo en numerosas ocasións a media pista.

No minuto 7 saíu ao borde da área frustrando unha boa oportunidade de Negro de conseguir o 0-1, tamén no 13 só ante un xogador rival detivo un tiro moi próximo e de novo no 17 detivo coas dúas mans un potente disparo frontal de Aitor, entre outras. Tamén o conxunto laranxa estivo a piques de adiantarse no marcador en varias ocasións como unha de Alberto no minuto 7 que rematou de cabeza tras un pase longo de Mika que sacou Coro a corner e no que volve sucederse outra oportunidade frustrada para o Burela, que volve sacar o porteiro. No minuto 15 Malaguti tamén roza o 1-0 cun fulminante tiro que vai fóra.

A segunda parte comezou forte. No minuto 21 tivo lugar un sorprendente gol de Lucho cun tiro cruzado tras burlar a dous xogadores, adiantando o marcador a favor do conxunto burelense, aínda que no minuto 22 Iván Rumbo empata o encontro coándoa entre os paus de Mika tras un saque de esquina. O encontro continúa igualado e sucédense as oportunidades.

No minuto 29 Malaguti faise cunha das oportunidades máis claras do encontro nunha contra tras unha boa combinación con Alberto, que asiste ao xogador zamorano que só ante o porteiro non atina entre os paus. No minuto 33 dobre oportunidade para o Pescados Rubén tras un tiro de falta de Ismael e un paradón de Coro que a saca a córner. Tras o córner e a perda do Burela Alberto recupéraa en media pista pero non logra finalizar con acerto.

Durante os últimos minutos os de David Rial presionan insistentemente, con dominio case absoluto do balón durante os minutos 37 e 38 ata que chega o 2-1 cun gol de Malaguti, conseguindo fulminar a portería rival. O Parrulo recorre ao xogo de 5 pero a defensa do Burela frustra toda presión do equipo de Gallego, mesmo rozando o terceiro tanto no minuto 39 no que Quelle, que sae a pista por primeira vez no minto 38, acariña o pau cun disparo a portería baleira.

Ao encontro no pavillón Vista Alegre de Burela, seguirao un partido a Melilla, a onde o conxunto laranxa viaxará a polos seguintes 3 puntos ante o CD Melistar FS.

0.19131207466125