O pavillón municipal de Barreiros renova o seu marcador e mellora a pista de xogo

O pavillón municipal de Barreiros vén de incorporar nas últimas semanas varias melloras destinadas a optimizar o uso da instalación e a experiencia das persoas usuarias. Entre as actuacións realizadas destaca a substitución do antigo marcador por un novo dispositivo electrónico, que chega para poñer fin aos frecuentes problemas de funcionamento que se viñan rexistrando.
O novo marcador multideportivo conta con tecnoloxía LED CMS de alta luminosidade, o que permite unha mellor visibilidade desde calquera punto da bancada. Ademais, incorpora un sistema de control moito máis sinxelo e intuitivo, facilitando o seu manexo durante adestramentos e competicións oficiais.
Xunto a esta mellora tecnolóxica, a pista de xogo foi dotada dun novo círculo central que cumpre coas dimensións regulamentarias esixidas para a práctica do fútbol sala, a disciplina máis habitual no pavillón. Este elemento, elaborado con vinilo específico para superficies deportivas, inclúe o escudo do Concello de Barreiros e mantén unha harmonía cromática co resto de elementos renovados nos últimos anos, como os protectores das columnas ou as varandas.
O concelleiro de Dinamización, Dani García, destacou que esta actuación supón “un novo investimento no ámbito do deporte e da saúde, nun espazo utilizado por numerosa poboación de todas as idades e que acolle tamén competicións oficiais do club local”. O edil subliñou, ademais, o “esforzo continuado do goberno municipal por dotar a Barreiros dunhas instalacións deportivas modernas e axeitadas á práctica que se desenvolve nelas”.
As melloras realizadas no pavillón municipal foron posibles grazas a un novo acordo de colaboración entre o Concello de Barreiros e a área de Deportes da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que permitiu financiar esta actuación.