O pavillón de Alfredo Deaño abre un novo choque entre PP e BNG por 30.000 euros para máis obras

O estado do pavillón municipal da rúa Alfredo Deaño continúa xerando polémica en Ribadeo. Despois das críticas lanzadas polo BNG polas filtracións rexistradas tras un investimento próximo aos 190.000 euros, o goberno local anunciou unha nova actuación duns 30.000 euros. A explicación do executivo do PP provocou unha nova resposta dos nacionalistas, que acusan o Concello de contradicirse sobre os traballos xa executados.
O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, rexeitou que actualmente existan goteiras na pista deportiva. Segundo explicou, as filtracións están localizadas "no hall da entrada e no corredor cara os baños", precisamente nunha zona na que, asegura, non se actuou durante as obras anteriores.
O Concello conta xa cun orzamento próximo aos 30.000 euros para acometer estes traballos. Silvent pediu ao BNG que se informe antes de realizar acusacións e asegurou que a Concellería de Deportes está disposta a facilitar os datos relativos tanto ás actuacións realizadas como ás que permanecen pendentes.
O edil atribuíu ademais a última incidencia a un problema nas baixantes. "Na pista non hai goteira algunha", insistiu, asegurando que a empresa responsable das obras solucionou os problemas que apareceron na zona na que se executaron os traballos.
O responsable de Deportes aproveitou tamén para cargar contra a xestión anterior do BNG e afirmou que o actual executivo está tendo que destinar recursos a corrixir deficiencias que quedaron pendentes. Como exemplo citou a pista de skate e lembrou outras intervencións que se están levando a cabo en instalacións deportivas como o pavillón de Cubelas ou o campo de fútbol.
O BNG cuestiona a versión do goberno
A explicación municipal provocou unha nova resposta do BNG. A concelleira Raquel Ferreira acusa o goberno do PP de "mentir abertamente á veciñanza" e sostén que existe unha contradición entre a versión ofrecida agora e as informacións difundidas polo propio executivo local meses atrás.
Segundo a formación nacionalista, en marzo o goberno municipal deu por rematada a actuación no pavillón e asegurou publicamente que os problemas estaban solucionados. Por este motivo, cuestiona que agora se argumente que o hall, as baixantes e os accesos aos baños quedaron fóra dos traballos.
"Eles mesmos, en vídeos e prensa en marzo deste mesmo ano, daban a actuación por totalmente rematada e aseguraban que eses puntos xa quedaran amañados", afirma Ferreira. O BNG considera que a documentación e información publicada daquela debería servir para aclarar que actuacións estaban realmente incluídas no proxecto.
Os nacionalistas critican especialmente que se anuncie agora un novo desembolso de 30.000 euros despois dos preto de 190.000 destinados á intervención anterior. "Primeiro anunciaron a bombo e prato que a obra estaba lista e resolta e, cando a realidade e as goteiras os poñen en evidencia, pretenden colar un novo gasto de 30.000 euros dicindo que aí nunca se tocara", reprocha Ferreira.
A polémica comezou esta semana despois de que o BNG denunciase novas entradas de auga no pavillón que, segundo a formación, afectaron ao normal desenvolvemento dun campus de hóckey. Os nacionalistas xa advertiran a comezos de xullo de que, ao seu xuízo, os traballos realizados non resolveran todos os problemas da instalación.
O goberno municipal mantén, pola contra, que a pista está libre de goteiras e diferencia entre a zona xa reparada e os espazos nos que agora prevé investir os novos 30.000 euros.
O BNG reclama ao alcalde, Daniel Vega, e ao concelleiro de Deportes explicacións sobre o alcance exacto das obras anteriores e sobre o novo investimento. A formación sostén que debe aclararse por que é necesaria esta nova actuación e se os espazos afectados estaban ou non contemplados nos traballos xa executados.