O BNG de Ribadeo denuncia que o pavillón Alfredo Deaño segue con goteiras tras investir 190.000 euros

O BNG de Ribadeo volve poñer o foco no estado do pavillón municipal da rúa Alfredo Deaño despois de que as goteiras e a entrada de auga volvesen aparecer nas instalacións malia o recente investimento de preto de 190.000 euros destinado á súa reparación e mantemento.
A concelleira nacionalista Raquel Ferreira cualificou a situación de "desastre" e denunciou que as filtracións impediron este luns o normal desenvolvemento dun campus de hóckey previsto no recinto deportivo. Para o BNG, o sucedido evidencia que os traballos realizados na cuberta non conseguiron resolver os problemas existentes.
Ferreira lembrou que a formación xa advertira desta situación a comezos de xullo. "Xa alertamos de que os traballos no teito non resolveran os problemas estruturais do pavillón", sinalou. Segundo a edil, daquela o goberno municipal do PP non ofreceu explicacións e, semanas despois, as filtracións volveron deixar en evidencia as deficiencias.
"Hoxe vemos como, unha vez máis, o tempo nos dá a razón da peor maneira posible: diñeiro público tirado e o pavillón sen arranxar, prexudicando directamente aos usuarios e usuarias", criticou Ferreira.
O BNG tamén carga contra a xestión do alcalde, Daniel Vega, e lembra as críticas que realizou no pasado sobre o estado destas instalacións. Segundo Ferreira, o rexedor utilizou en varias ocasións a ironía para afirmar que no pavillón "facían falla máis caldeiros que en todo Ribadeo xunto", responsabilizando así da situación á anterior xestión municipal.
A concelleira considera que, tras o investimento realizado, esas críticas contrastan agora co resultado das obras. "As goteiras continúan, a auga segue a filtrarse cando chove e os caldeiros seguen sendo igual de necesarios", reprochou.
Desde a formación nacionalista cuestionan tamén o seguimento realizado polo Concello durante e despois da actuación. Ferreira defende que a responsabilidade municipal non remata coa contratación e anuncio dunha obra, senón que debe incluír o control da súa execución e a comprobación posterior de que os problemas quedaron resoltos.
Neste sentido, o BNG sostén que o goberno local debería ter verificado o correcto selado da cuberta antes de dar os traballos por finalizados e considera "inaceptable" que, despois de destinar preto de 190.000 euros de fondos públicos, continúen producíndose filtracións.
Ante esta situación, os nacionalistas reclaman explicacións inmediatas ao equipo de goberno e piden revisar as actuacións executadas no pavillón. Ademais, esixen que se adopten as medidas necesarias para solucionar definitivamente as goteiras e garantir que as instalacións poidan ser utilizadas con normalidade e seguridade.