O parque infantil da Praza dos Campos de San Cibrao reabre tras unha renovación integral

O parque infantil da Praza dos Campos de San Cibrao xa está novamente a disposición das familias tras completarse as obras de renovación integral. A reapertura tivo lugar esta tarde cunha xornada de actividades para os máis pequenos, que puideron gozar de música, pintacaras e globoflexia nas instalacións recentemente estreadas.
A intervención permitiu substituír por completo os antigos elementos de xogo, o pavimento de caucho e o peche que delimitaba o recinto. No seu lugar instaláronse novos equipamentos homologados e adaptados a diferentes idades, con propostas variadas para o lecer e a actividade infantil.
Entre as incorporacións figuran xogos combinados e temáticos, randeeiras, elementos de muelle, un trampolín e outras estruturas que amplían as posibilidades de entretemento. O espazo dispón tamén dun novo chan continuo de seguridade, elaborado con caucho reciclado e EPDM, deseñado para amortecer posibles caídas e axustarse á normativa vixente.
Outra das melloras afecta ao perímetro do parque, que conta agora cun novo cerramento fabricado en polímero reciclado. Deste xeito, a actuación renovou tanto as zonas de xogo como os elementos de protección do recinto.
Os traballos supuxeron un investimento de 320.845 euros, financiado integramente con fondos propios municipais. Co remate das obras, a Praza dos Campos recupera un espazo infantil completamente renovado para o desfrute dos nenos e nenas e das familias de San Cibrao.