O Ministerio licita por máis de 511.000 euros a mellora do enlace entre a N-642 e a LU-152 en Foz

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible licitou por un importe de 511.617,26 euros, IVE incluído, o contrato de obras para mellorar a intersección entre as estradas N-642 e LU-152, no termo municipal de Foz. O anuncio correspondente será publicado proximamente no Boletín Oficial do Estado (BOE).
A actuación desenvolverase no quilómetro 30,4 da N-642 e ten como principal obxectivo mellorar a seguridade viaria neste punto, facilitar todos os movementos dos vehículos e garantir un nivel de servizo adecuado.
Na actualidade, a intersección está configurada en forma de "T", cunha bágoa central e illas encauzadoras que permiten os xiros á dereita nos laterais da LU-152. Esta configuración está a provocar importantes retencións, especialmente durante a época estival, cando aumenta o volume de tráfico na zona.
A reforma prevista contempla a implantación dun novo carril central na N-642, que permitirá a deceleración e a espera dos vehículos que realicen xiros á esquerda desde a estrada nacional cara á LU-152. Este mesmo carril facilitará tamén a incorporación e aceleración dos vehículos que accedan desde a LU-152 á N-642 en dirección a Foz.
Na zona de confluencia coa LU-152 instalarase ademais unha semiglorieta, que permitirá aos usuarios da área comercial situada nas proximidades da intersección realizar o cambio de sentido para regresar a Foz.
A actuación tamén inclúe a disposición dunha nova illa encauzadora para os vehículos que se incorporen desde a LU-152 á N-642 mediante un xiro á dereita en dirección a Ribadeo.
O Ministerio enmarca esta intervención no programa de conservación e mantemento da Rede de Estradas do Estado. Segundo os datos facilitados polo departamento estatal, dentro deste programa investíronse máis de 205 millóns de euros na provincia de Lugo desde xuño de 2018.
O obxectivo deste programa é impulsar a mellora da calidade do servizo que ofrecen as infraestruturas viarias estatais existentes. No caso de Foz, a actuación permitirá modificar unha intersección que actualmente concentra retencións e mellorar tanto a seguridade como a fluidez do tráfico nun dos principais accesos viarios do municipio.