O local social de Arante chega ás obras tras anos de deterioro e cun investimento de 50.000 euros

AMariñaXa
A actuación chega despois de que a antiga cuberta permitise a entrada de auga e o pavimento provocase problemas para os usuarios, segundo explica o propio Concello
Ribadeo-obras-local-social-Arante-1
2 Oct 2026

O local social de Arante será sometido a unha renovación integral despois do deterioro que presentaba o inmoble e que, segundo recoñece o propio Concello de Ribadeo, chegaba a dificultar a celebración de actividades. A actuación conta cun investimento de 50.000 euros, conseguido a través das xestións realizadas coa Xunta de Galicia.

A intervención céntrase inicialmente na cuberta, que estaba formada por placas de fibrocemento e presentaba un importante desgaste. O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, recoñeceu que a situación do tellado provocaba a entrada de auga no interior do edificio, afectando ao seu uso por parte da veciñanza.

"A cuberta estaba realmente moi desgastada, chovía dentro e iso evidentemente tiña consecuencias moi negativas nos veciños porque era difícil realizar actividades", explicou o rexedor.

A demolición da antiga cuberta xa foi executada. Agora está prevista a instalación dunha nova cuberta de lousa, xunto coa colocación de novas vigas de madeira e dun sistema de canalóns para recoller as augas.

O deterioro non se limitaba ao exterior do edificio. O Concello tamén substituirá o pavimento interior por unha tarima flotante, xa que, segundo sinalou Vega, a superficie existente estaba "certamente desgastada" e chegara a provocar que algunhas persoas esvarasen.

A situación do local condicionaba tamén a programación de actividades. Vega indicou que ata agora en Arante non se desenvolvían actividades de Preto de Ti, aínda que actualmente xa existe "un número importante" de propostas e participantes. Para o Concello, a renovación resulta necesaria para poder acoller estas actividades con garantías.

A actuación permitirá, polo tanto, solucionar problemas que afectaban tanto á cuberta como ao interior do edificio e recuperar o local para o seu uso veciñal. Os 50.000 euros destinados aos traballos proceden das xestións realizadas polo Concello coa Xunta dentro do Plan Avanza Rural, segundo informou o propio goberno municipal.

Vega asegurou que a intervención de Arante non será a única e avanzou que o Concello está a actuar tamén noutros locais sociais das parroquias, actuacións que prevé explicar nos próximos días.

0.15162801742554