O lavado dos contedores chega a Ribadeo entre críticas pola limpeza durante o verán

O Concello de Ribadeo iniciou estes días o lavado dos contedores verdes da vila e das parroquias, unha actuación que o goberno local enmarca dentro da súa planificación anual de limpeza. Con todo, a medida chega nun verán marcado polas críticas ao estado dalgúns puntos do municipio e polas queixas sobre a frecuencia na recollida de determinados residuos.
Desde a Concellería de Medio Ambiente sinalan que o lavado dos colectores forma parte dun programa máis amplo que inclúe a limpeza das rúas, os desbroces, os baldeos a presión na zona vella ou as actuacións de desratización. O
Porén, a situación que se observa durante os meses estivais volveu provocar críticas entre parte da veciñanza. Ás reiteradas queixas súmanse voces que consideran insuficiente a planificación habitual nunha época na que Ribadeo multiplica a súa actividade e recibe un importante número de visitantes. Neste contexto, reclámase un reforzo dos medios e das frecuencias de limpeza e recollida durante o que queda verán.
As críticas son especialmente contundentes no rural. Veciños dalgunhas parroquias aseguran que existen problemas coa retirada dos residuos e mesmo denuncian que determinados contedores de cartón levan longos períodos sen baleirarse. Un veciño afirma que “os colectores de cartón non se recolleron en todo o verán”.
Deste xeito, o anuncio do lavado dos contedores verdes contrasta co malestar expresado por parte da poboación, que reclama unha maior atención durante a tempada estival para evitar acumulacións de lixo e unha imaxe que algúns cualifican de “lamentable”.