O IX Torneo Maruxaina abrirá a programación festiva cun derbi entre o San Ciprián e a U.D. Folgueiro

A Festa da Maruxaina dará este ano o seu primeiro paso da man do deporte coa celebración do IX Torneo Maruxaina, unha cita futbolística que reunirá ao Club Deportivo San Ciprián e á U.D. Folgueiro. O encontro terá lugar este xoves, 6 de agosto, ás 20.00 horas, no Campo Municipal da Veiga, consolidándose como o acto que inaugura oficialmente a programación festiva do municipio.
A presentación do torneo celebrouse nas instalacións deportivas da Veiga coa participación da alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, xunto ao presidente do Club Deportivo San Ciprián, Eduardo Rubal, e ao director deportivo da entidade, Félix Martins.
O torneo está organizado polo Club Deportivo San Ciprián coa colaboración do Concello de Cervo e, edición tras edición, convértese nun dos primeiros reclamos da Maruxaina, reunindo nas bancadas a numerosos afeccionados ao fútbol e veciños que aproveitan a cita para dar comezo ás celebracións.
Durante a presentación, a alcaldesa destacou a importancia desta iniciativa, que combina deporte e festa nun dos momentos máis esperados do verán cervense. Segundo sinalou, o torneo converteuse nunha tradición dentro da programación da Maruxaina, contribuíndo á promoción do deporte de base e ao impulso da actividade social no municipio.
García Caramés tamén quixo recoñecer o traballo que realiza o Club Deportivo San Ciprián ao longo do ano, agradecendo a implicación da entidade tanto na promoción do fútbol como na organización de actividades que complementan a oferta festiva local.
Desde o Concello fan un chamamento á veciñanza e ás persoas que visiten San Ciprián durante estes días para asistir ao encontro e apoiar aos dous equipos, nunha cita que servirá para dar o pistoletazo de saída a unha nova edición da Festa da Maruxaina.