Xove consolídase como unha das sedes de referencia do calendario nacional de Pumptrack

O Parque Pumptrack de Xove acolleu este sábado o IV Gran Premio Concello de Xove, correspondente á cuarta proba da Copa de España de Pumptrack. A competición reuniu centos de deportistas procedentes de diferentes puntos do país nunha xornada marcada polo deporte e o ambiente competitivo.
Entre os participantes destacou a actuación dos representantes locais. Rubén Dayán conseguiu a segunda posición na categoría Non Federado, mentres que Abraham Santos rematou cuarto en Máster 30. Na categoría Promesa, Enzo Santos acadou tamén o segundo posto e José Gonzalo, veciño de Cervo, finalizou terceiro na categoría Máster 50.
A organización tamén recoñeceu os mellores rexistros da competición, que foron para Pedro Fernández, na categoría Júnior, e Paula Rodríguez, na categoría Cadete.
Desde o Concello agradeceron a colaboración da Federación Galega de Ciclismo, da empresa Sports Kids, encargada da organización da proba, así como o traballo das persoas voluntarias, patrocinadores e de todas aquelas que contribuíron ao desenvolvemento do evento.
A celebración desta proba consolida a Xove como unha das sedes de referencia do calendario nacional de Pumptrack.