O Iberdrola Surfing Day converterá Burela no epicentro do surf feminino o 12 de setembro

AMariñaXa
A Deputación de Lugo ultima coa Federación Española de Surfing un evento que combinará deporte, formación e divulgación na praia da Marosa
DIPU LUGO surfing day burela
18 Jul 2026

A praia da Marosa, en Burela, converterase no epicentro do surf feminino nacional o vindeiro 12 de setembro coa celebración do Iberdrola Surfing Day. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a adxudicación do contrato á Federación Española de Surfing para desenvolver esta xornada que combinará deporte, formación e divulgación. Co obxectivo de definir os detalles da programación, a presidenta da institución provincial, Carmela López, mantivo un encontro no propio areal cos responsables federativos.

Durante o encontro, a presidenta destacou que esta iniciativa representa unha firme aposta por vincular o deporte, a igualdade, a promoción turística e o respecto polo medio mariño, aproveitando o gran potencial do litoral lucense. Carmela López subliñou que a igualdade é un dos eixos prioritarios do goberno provincial, polo que este evento contribuirá de forma transversal a eliminar barreiras, crear novos referentes femininos entre as xeracións máis novas e fomentar unha maior participación das mulleres a través de valores como o esforzo e a superación.

A programación do evento estenderase ao longo de toda a xornada e terá como principal atractivo unha masterclass e un clinic de surf impartidos pola surfista internacional Janire González Etxabarri, unha das grandes referencias do surf español. A deportista compartirá a súa experiencia coa canteira feminina galega mediante unha sesión práctica na auga e correccións técnicas personalizadas. Ademais, ofreceranse bautismos de surf gratuítos dirixidos a mulleres sen experiencia previa para facilitar o seu acceso a esta disciplina.

A xornada completarase co encontro 'Muller e Deporte', unha mesa redonda aberta ao público na que representantes institucionais, de Iberdrola, da Federación e deportistas de elite debaterán sobre a igualdade no deporte e o futuro do surf olímpico. Así mesmo, haberá un espazo aberto á cidadanía con actividades de dinamización, música e propostas divulgativas centradas na sustentabilidade e na protección do medio mariño, reforzando así o compromiso da contorna cun modelo de turismo deportivo responsable.

0.14044094085693