O Goberno do Valadouro critica o voto en contra do BNG a modificacións orzamentarias para mellorar camiños, a escola infantil e o SAF

AMariñaXa
A pesar do voto en contra, as actuacións previstas poderán levarse a cabo grazas aos votos favorables do PP do Valadouro, segundo informa o equipo de goberno
valadouro-obras-corte-trafico-outubro-2026
18 Oct 2026

O equipo de goberno do Valadouro critica que o BNG votase en contra dunha modificación de crédito destinada a financiar diversas actuacións municipais, entre elas a mellora de camiños, obras de acondicionamento na escola infantil e a cobertura dos gastos do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

A proposta someteuse a aprobación no pleno extraordinario e urxente celebrado o pasado venres, día 16, convocado pola proximidade dos prazos de execución das obras. A modificación orzamentaria permitía redistribuír fondos entre distintas partidas para acometer actuacións consideradas necesarias para o municipio.

Entre as intervencións previstas figuran a contratación dun operario para rematar os traballos de roza de varios camiños, a execución de melloras na rede viaria municipal, o acondicionamento das instalacións da escola infantil e a cobertura dos gastos do SAF, un servizo esencial cuxo custo aumenta ano tras ano.

Desde o equipo de goberno agradecen a postura do PSOE, que optou pola abstención, pero consideran difícil comprender o voto en contra do BNG, ao entender que as modificacións afectan directamente a servizos e actuacións que repercuten no benestar da veciñanza, especialmente das persoas maiores e dos máis pequenos.

O Goberno municipal sostén que o BNG volve antepoñer a confrontación política á colaboración necesaria para sacar adiante iniciativas de interese para o concello. Segundo sinala, as consecuencias destas decisións non afectan unicamente ao equipo de goberno, senón ao conxunto da veciñanza.

En relación cos argumentos da formación nacionalista, o equipo de goberno explica que o BNG defendeu que as modificacións se sometesen a votación por separado, pero non concretou en cales estaría disposto a votar a favor. Ademais, considera significativo que reclame agora unha fórmula de tramitación que, segundo o Goberno municipal, non empregou cando estivo á fronte do Concello.

A pesar do voto en contra do BNG, as actuacións previstas poderán levarse a cabo grazas aos votos favorables do PP do Valadouro, segundo informa o equipo de goberno, que reafirma o seu compromiso de atender as necesidades do municipio, mellorar os servizos públicos e impulsar as obras necesarias.

O Goberno municipal asegura que continuará traballando para destinar os recursos públicos á mellora da calidade de vida da veciñanza, garantir a atención ás persoas maiores, ofrecer instalacións axeitadas para os máis pequenos e manter as infraestruturas municipais. «O Valadouro necesita compromiso, responsabilidade e traballo. Porque, por riba das diferenzas políticas, deben estar sempre as necesidades das nosas veciñas e dos nosos veciños», conclúe o comunicado.

0.1334171295166