O Goberno destaca en Trabada o acceso á vivenda como clave para fixar poboación no rural

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, visitou o Concello de Trabada para reafirmar o compromiso do Executivo estatal co acceso á vivenda nos núcleos rurais, unha cuestión que considera fundamental para combater o despoboamento e xerar oportunidades, especialmente entre a mocidade. Durante a súa estancia, estivo acompañado pola subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, e mantivo un encontro co alcalde, Rubén García, e o seu equipo.
Na reunión, o delegado puxo en valor o traballo que o Concello vén desenvolvendo desde hai tempo para facilitar o acceso a unha vivenda digna aos seus veciños e veciñas. Segundo destacou, a implicación das administracións locais resulta clave para dar resposta ás necesidades reais da poboación.
Tras o encontro institucional, a comitiva visitou un dos inmobles que o Concello prevé destinar a uso social, unha iniciativa que o goberno municipal quere impulsar a través das liñas de financiamento vinculadas ao reto demográfico. Pedro Blanco valorou positivamente este proxecto, ao considerar que contribuirá a dinamizar tanto a poboación como a actividade social do municipio.
Durante a xornada, o delegado tamén trasladou ao rexedor as principais novidades do Plan Estatal de Vivenda 2026-2030, que prevé mobilizar 400 millóns de euros en Galicia nos vindeiros cinco anos. Entre as medidas máis destacadas, subliñou as axudas destinadas á mocidade, que poderán alcanzar ata 300 euros para o alugueiro e ata 15.000 euros para a adquisición ou construción da primeira vivenda en concellos de menos de 20.000 habitantes, como é o caso de Trabada.
Blanco incidiu en que este novo marco reforza o carácter público da vivenda e aposta por garantir o seu acceso como un dereito, afastándoo dun modelo baseado exclusivamente no mercado. Neste sentido, destacou o papel dos concellos como pezas fundamentais para aplicar políticas adaptadas á realidade de cada territorio.
O delegado tamén puxo a Trabada como exemplo de boas prácticas no desenvolvemento de políticas locais de vivenda, mencionando iniciativas como o futuro plan municipal para mobilizar inmobles baleiros ou a rehabilitación de antigas escolas para convertelas en vivenda social.
Pola súa banda, o alcalde trasladoulle ao representante do Goberno diversas cuestións de interese para o municipio, entre elas o avance no despregamento da fibra óptica e o funcionamento do servizo de correos, dous aspectos considerados esenciais para garantir a igualdade de oportunidades e mellorar a calidade de vida no rural.
Pedro Blanco reafirmou finalmente que o Goberno continuará colaborando cos concellos, ofrecendo recursos e ferramentas para avanzar cara a un modelo de vivenda accesible, sostible e orientado ás necesidades sociais.