O goberno de Foz defende o mantemento dos paseos e nega abandono fronte ás críticas da oposición

Foz
AMariñaXa
A tenente de alcalde asegura que os traballos de desbroce son continuos e avanza avances no proxecto para actuar nas zonas afectadas por derrubamentos
PASEO-MARÍTIMO-EN-MALATES-(FOZ)-2026-ines-rey
23 Apr 2026

O goberno municipal de Foz respondeu ás críticas da oposición sobre o estado dos paseos marítimos, asegurando que o seu mantemento é constante e que as tarefas de limpeza e desbroce se están a desenvolver de maneira continuada en todo o municipio.

A tenente de alcalde, Inés López Couto, explicou que estes traballos intensificáronse nas últimas semanas coa incorporación dun segundo tractorista desde o pasado 15 de marzo, o que permitiu reforzar as actuacións de conservación nas distintas zonas costeiras. Segundo indicou, os paseos presentan un estado adecuado, máis alá de pequenas intervencións puntuais que seguen en proceso.

Neste sentido, a responsable municipal recoñeceu que existen algúns danos que requiren reparación, derivados en boa medida das características dos materiais empregados e da súa exposición ás condicións meteorolóxicas. “Hai pequenos traballos pendentes que son habituais, xa que a pedra sofre desgaste e desprendementos, pero están anotados para a súa revisión”, apuntou.

En relación cos tramos afectados por derrubamentos, López Couto avanzou que o proxecto para o retranqueo dos paseos en Cangas e na praia de Arealonga, na zona de Fazouro, foi aprobado definitivamente e publicado recentemente no Boletín Oficial do Estado. Este paso permitirá iniciar en breve o proceso de expropiación dos terreos e a posterior licitación das obras necesarias.

Desde o executivo local subliñan que esta actuación leva tempo sendo tramitada e destacan que se trata dunha intervención complexa que xa superou diferentes fases administrativas. Ao mesmo tempo, consideran innecesarias as críticas da oposición neste ámbito, ao entender que o proxecto segue o seu curso.

A tenente de alcalde tamén rexeitou as acusacións de “deixadez absoluta” e insistiu en que o Concello atende tanto as demandas da veciñanza como as incidencias detectadas polos propios servizos municipais. “Seguimos traballando de forma continua en labores de desbroce e xardinería para manter os paseos en boas condicións”, concluíu.

0.10332608222961