O Goberno de Foz defende a súa xestión económica e acusa ao PP de bloquear pagos por interese político

O goberno municipal de Foz saíu ao paso das críticas da oposición popular para defender a súa xestión económica e o estado das contas municipais. A tenente de alcalde, Inés López Couto, acusou ao Partido Popular de actuar con “mentiras e ruído” co obxectivo de desgastar ao executivo, mentres, segundo sinala, o equipo de goberno continúa centrado en sacar adiante proxectos e cumprir cos compromisos adquiridos.
López Couto asegurou que o Concello dispón de capacidade suficiente para facer fronte aos pagos pendentes, pero lamentou que a oposición non colabore na aprobación de facturas, o que, ao seu xuízo, está a prexudicar directamente a empresas e autónomos locais. “Non lles interesa aprobar os pagos porque priorizan o seu beneficio político”, afirmou.
A responsable municipal tamén confirmou que o executivo está a traballar nos novos orzamentos, aínda que considera que o PP manterá a súa postura de bloqueo. Neste contexto, criticou que se utilicen cuestións económicas como ferramenta de confrontación política.
En relación ás obras da rúa Irmandiños, López Couto defendeu a actuación realizada e explicou que os arranxos recentes foron executados pola empresa adxudicataria con cargo á garantía, tras unha esixencia do Concello. A edil contrapuxo esta intervención coa realizada no seu día na avenida da Mariña, onde, segundo indicou, se executou unha obra con menos servizos e menor calidade.
Ademais, destacou que o goberno local continúa avanzando noutras actuacións, como o arranxo do campo de fútbol de Malates, xa contratado e pendente de inicio. Para o executivo, estes feitos evidencian unha xestión “máis rigorosa e eficaz”, fronte ás críticas da oposición.