O PP de Foz alerta dun “grave descontrol económico” no Concello e critica a xestión do goberno local

Foz
AMariñaXa
Os populares denuncian o incremento do gasto, a acumulación de facturas sen orzamento e anuncian que non apoiarán novos recoñecementos extraxudiciais sen contas para 2026
Concelleiros-PP-Foz-en-pleno
29 Apr 2026

O Partido Popular de Foz expresou a súa preocupación pola situación financeira do Concello e cargou con dureza contra a xestión do executivo municipal, ao que acusa de falta de planificación e de recorrer a mecanismos excepcionais para facer fronte aos gastos.

A concelleira popular Laura Riveira cualificou de “alarmante” a deriva económica do goberno local, asegurando que existe unha “incapacidade evidente para controlar o gasto público”. Segundo sinalou, o equipo liderado por Cajoto e Couto mantería unha dinámica de gasto que posteriormente se tenta solucionar mediante a aprobación de facturas atrasadas e modificacións orzamentarias.

Os populares lembran que xa advertiran hai un ano desta situación, cando o pleno aprobou máis de 800.000 euros en facturas de exercicios anteriores, o que derivou, segundo indican, nunha forte tensión nos orzamentos prorrogados. Posteriormente, engaden, foi necesario incorporar un suplemento de crédito de 1,3 millóns de euros para poder facer fronte aos pagos pendentes.

Riveira afirma que o escenario se repite e que o alcalde prevé levar ao pleno un novo recoñecemento extraxudicial por valor superior aos 450.000 euros correspondente a gastos do ano pasado. Para o PP, isto reflicte “un descontrol continuado no gasto municipal” e unha falta de planificación orzamentaria.

A edil tamén criticou que o goberno non aprobe novos orzamentos, algo que, ao seu xuízo, contribúe a perpetuar esta situación. Neste sentido, advertiu de que o seu grupo non apoiará novos pagos de facturas do exercicio 2025 se non se presentan contas para 2026.

“Estamos cansos de ser os que avalan a mala xestión do goberno”, concluíu Riveira, quen insiste en que o Concello precisa “rigor e responsabilidade” na administración dos recursos públicos.

0.12570881843567