O Encontro Álvaro Cunqueiro enche Mondoñedo de literatura, música e memoria

AMariñaXa
A cuarta edición de 'Camiño ao Norte' reúne no Pazo de Santomé investigadores e representantes culturais para afondar no legado do escritor mindoniense
MONDOÑEDO encontro literario
27 Jun 2026

Mondoñedo acolle desde este venres o IV Encontro Álvaro Cunqueiro 'Camiño ao Norte', unha iniciativa incluída na programación da Universidade de Verán 2026 da Universidade de Santiago de Compostela.

A cita reúne durante a fin de semana no Pazo de Santomé investigadores e representantes do ámbito cultural co obxectivo de afondar na figura e no legado do escritor mindoniense.

A apertura do programa correu a cargo de Isabel Morán, cunha conferencia centrada na relación entre Álvaro Cunqueiro e a cidade de Mondoñedo. A programación continuará este venres cun concerto de Francisco Castro na Praza da Catedral, unha actuación de balde e aberta ao público que comezará ás 22.30 horas.

Ao longo da fin de semana celebraranse relatorios e mesas redondas arredor da presenza de territorios como Lugo, Vigo, A Mariña, a Bretaña ou o Camiño de Santiago no universo literario de Cunqueiro.

O encontro completarase cun roteiro cunqueiriano polas rúas de Mondoñedo, guiado por Abel Vigo, e coa presentación do libro 'O Quixote na obra de Álvaro Cunqueiro'.

0.13118100166321