O Concello de Xove licita o transporte de auga para anticiparse a posibles problemas de abastecemento

O Concello de Xove, presidido por Demetrio Salgueiro, vén de sacar a licitación un contrato anual para o transporte de auga mediante camións cisterna, cun orzamento base de algo máis de 44.000 euros. Trátase dun servizo de execución sucesiva e a demanda, que só se porá en marcha cando o goberno local considere necesario reforzar a subministración aos depósitos municipais. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 1 de decembro.
A medida pretende dar resposta ás necesidades que se veñen repetindo durante os meses de verán, cando a falta de precipitacións e o aumento do consumo poden comprometer as reservas municipais. De feito, o propio expediente recoñece que os reforzos do abastecemento, que ata agora se viñan realizando mediante contratos menores, se converteron en actuacións "recorrentes durante o verán de 2026".
O contrato prevé unha necesidade aproximada de 1.350.000 litros ao ano, calculada a partir dun reforzo duns 15.000 litros diarios durante arredor de 90 días. Os principais puntos de descarga serán os depósitos municipais de Santo Isidoro de Monte, cunha capacidade de 200 metros cúbicos, e O Cruceiro, en Xuances, de 500 metros cúbicos. O servizo tamén poderá abastecer os depósitos de A Rigueira, Palmeiro e Montebelle.
O alcalde defende que a licitación ten un carácter preventivo e permitirá dispoñer dun mecanismo preparado para actuar con rapidez se volven xurdir problemas de abastecemento. Segundo explica, ata agora era necesario recorrer a contratos menores, un procedemento que podía alongar os prazos entre a tramitación e a prestación efectiva do servizo. "Oxalá non faga falta usalo, pero, se é necesario, xa o temos", sinala Salgueiro, que xustifica os algo máis de 44.000 euros do orzamento na estimación do gasto realizado anteriormente.
A decisión chega despois de que o Concello xa contratase o pasado verán, por vía de urxencia e cun gasto máximo autorizado de 60.000 euros, o transporte de auga en cisternas debido ás dificultades dos depósitos municipais durante a seca. Aquel contrato tiña como finalidade reforzar o abastecemento nos momentos de maior necesidade, unha situación que agora o goberno local pretende afrontar cunha fórmula previamente licitada.
Pola súa banda, o PSdeG-PSOE de Xove critica que o executivo municipal continúe recorrendo a medidas provisionais e considera que o transporte de auga en camións cisterna non resolve os problemas de fondo. Os socialistas sosteñen que, despois de dúas décadas de goberno de Demetrio Salgueiro, a localidade segue padecendo restricións durante o verán e episodios nos que a auga chega turbia ás vivendas no inverno.
O grupo municipal lembra que, segundo indica, a raíz da súa insistencia se elaborou un informe técnico que puxo de manifesto o estado precario das captacións, das redes de abastecemento e, especialmente, dos sistemas de tratamento e filtrado. Ademais, cuestiona os investimentos anunciados pola Xunta a través de Augas de Galicia: fronte a unha actuación que, segundo os socialistas, se cifrara en preto de dous millóns de euros, nos orzamentos autonómicos para 2027 figuran 100.000 euros, unha partida que consideran insuficiente.
Como alternativa, o PSOE reclama unha infraestrutura que permita almacenar 1.350 metros cúbicos de auga de reserva, así como actuacións para modernizar a rede de distribución. A formación tamén cuestiona a política de contratación do Concello e denuncia que se aprobase un conxunto de obras por valor de 1,5 millóns de euros repartidas en contratos de entre 5.000 e 20.000 euros. Por iso, pide maior transparencia e concorrencia competitiva nas adxudicacións. "Xove necesita solucións definitivas, non parches cada verán", conclúen os socialistas, que reclaman garantir unha subministración de auga segura e de calidade para a veciñanza.