O Concello de Viveiro aproba un orzamento de 16,88 millóns para o próximo ano

AMariñaXa
As contas municipais recollen partidas para reformar a Praza de Abastos e o Teatro, ampliar a atención no SAF e reforzar servizos como a escola infantil e a atención temperá
Pleno-viveiro-25-novembro-2026
26 Nov 2026

O concelleiro de Facenda, Martín Vale, destacou entre as principais actuacións previstas a reforma da Praza de Abastos e do Teatro Municipal, así como a instalación de cámaras de videovixilancia. Tamén sinalou o reforzo das subvencións nominativas destinadas a entidades como a Banda de Música, a Xunta de Confrarías e Bágoas da Terra.

As contas incorporan as subvencións concedidas para acometer a remodelación da Praza de Abastos, por importe de 568.068,68 euros, e a reforma do Teatro Municipal, que conta cunha achega de 161.881 euros.

No capítulo de ingresos, as transferencias correntes constitúen a principal fonte de financiamento, con 8,3 millóns de euros, o que supón o 49,17% do total. A estas cantidades súmanse 4,89 millóns de euros procedentes de impostos directos e outros 2,73 millóns derivados de taxas e demais ingresos.

Pola parte dos gastos, a partida máis elevada corresponde ao persoal municipal, con 7,49 millóns de euros, o 44,35% do presuposto. A compra de bens correntes e servizos suma 7,06 millóns, que representan o 41,84% das contas.

Dentro das partidas vinculadas á atención á cidadanía, destaca o incremento de 96.058,60 euros no Servizo de Axuda no Fogar (SAF), motivado pola previsión de ampliar as horas de atención aos usuarios. O documento reserva, ademais, 112.813,38 euros para o servizo de atención temperá e aumenta en 77.737,69 euros a dotación da escola infantil municipal, debido á licitación do novo contrato.

A memoria explicativa do orzamento recoñece que a situación financeira do Concello continúa marcada pola débeda acumulada e polos compromisos establecidos no Plan de Axuste, que se mantén en vigor ata 2037. Ante este escenario, o goberno municipal aposta por unhas contas orientadas á contención do gasto, á eficiencia na xestión e á priorización das actuacións con maior repercusión social. O documento tamén apunta á importancia de seguir contando coa colaboración doutras administracións, tanto autonómicas como estatais, para dar resposta ás necesidades do municipio.

O debate orzamentario estivo acompañado tamén dunha protesta política por parte do grupo municipal do BNG, que abandonou a sesión coincidindo co 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A formación nacionalista tomou esta decisión en denuncia do que considera un trato reiteradamente despectivo e machista do tenente de alcaldesa, Martín Vale, cara á súa portavoz, Iria Cotelo. Os nacionalistas sosteñen que o comportamento do edil vai máis alá da discrepancia política e que durante o debate volveu dirixirse á representante con ataques persoais que, segundo denuncian, buscaban ridiculizala e menosprezar o seu papel na corporación.

O BNG asegura que estas actitudes se repiten en distintas sesións plenarias e considera que non se producen da mesma maneira cando Vale debate con outros integrantes da corporación que son homes. A formación tamén criticou que ningún dos demais grupos municipais condenase publicamente as expresións denunciadas e reclamou ao tenente de alcaldesa unha rectificación pública, ademais de pedir que este tipo de comportamentos non volvan producirse.

O orzamento contempla igualmente unha previsión de 552.436,61 euros para atender os compromisos de amortización dos préstamos municipais.

0.1551501750946