O BNG de Viveiro abandona o pleno dos orzamentos o 25N e acusa a Martín Vale de trato machista á súa portavoz

O grupo municipal do BNG de Viveiro abandonou o pleno dos orzamentos, coincidindo co Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, como protesta polo que considera un trato reiteradamente despectivo e machista do tenente de alcaldesa, Martín Vale, cara á súa portavoz, Iria Cotelo.
A formación nacionalista asegura que o comportamento do representante municipal vai máis alá da discrepancia política e denuncia o uso continuado de expresións con connotacións machistas e despectivas contra Cotelo. Segundo o BNG, este tratamento non se reproduce cando Vale mantén discusións con outros integrantes da corporación que son homes.
Os nacionalistas sitúan o episodio máis recente no pleno celebrado este 25 de novembro, durante o debate dos orzamentos, no que aseguran que o tenente de alcaldesa volveu dirixirse á súa portavoz con ataques persoais que, segundo denuncian, buscaban ridiculizala e menosprezar o seu papel político. A formación considera que estes comportamentos se veñen repetindo nas distintas sesións plenarias e que a situación chegou a un límite que motivou o abandono da sesión.
O BNG tamén lamenta que ningún dos demais grupos da corporación municipal condenase publicamente as expresións durante o pleno. A formación reivindica que a violencia machista tamén pode manifestarse no ámbito político e institucional e reclama que non se normalicen actitudes que, ao seu xuízo, buscan menosprezar, desacreditar ou intimidar as mulleres que exercen responsabilidades públicas.
Por último, os nacionalistas esixen a Martín Vale unha rectificación pública e reclaman que non se volvan producir este tipo de expresións e comportamentos. Tamén defenden a necesidade de institucións nas que o debate político se desenvolva desde a igualdade e o respecto.