O Concello de Ribadeo pretende transformar e desconxestionar a contorna da praia das Catedrais

AMariñaXa
O Concello de Ribadeo presentou un proxecto que pretende transformar e desconxestionar a contorna da praia das Catedrais
praia catedrais turistas
praia catedrais turistas
8 Mar 2023

O Concello de Ribadeo presentou a súa candidatura para o financiamento procedente dos fondos europeos Next Generation dun proxecto que pretende transformar e desconxestionar a contorna da praia das Catedrais e que implicaría un investimento de 2,5 millóns de euros, segundo deu a coñecer hoxe o concelleiro de Desenvolvemento Local e Turismo, Pablo Vizoso.

O edil ribadense explicou que “este proxecto comprende a realización de varias actuacións. A principal consistiría na posta en marcha do novo aparcadoiro, coherente co xa establecido no Plan Especial de Protección de As Catedrais, co obxectivo de aumentar a protección do espazo natural, de despexar o entorno da praia, crear un fluxo de vehículos adecuado e unha regulación propia do aparcamento. Sería un aparcamento con capacidade para acoller a unha media de  3.300 persoas diarias, dotado de control de acceso intelixente, con puntos de recarga para vehículos eléctricos e tamén cun sistema de alumeado alimentado con enerxía solar”.

Vizoso Galdo indicou que “adicionalmente contémplanse outras actuacións non menos importantes como a creación dunha área de acollida e recepción aos visitantes, a implantación dun sistema de intelixencia turística e a creación dun sistema de bicicletas eléctricas con estacións en Ribadeo, Rinlo e na propia praia das Catedrais. E hai unha terceira actuación máis relacionada coa dinamización económica, que consiste na creación dun sistema de fidelización asociado ao propio aparcamento de Augas Santas, para fomentar o gasto no comercio e nos establecementos locais co obxectivo de aumentar o impacto económico no resto do concello de Ribadeo, creado polas visitas á praia das Catedrais”.

O concelleiro de Turismo engadiu: “estimamos que esta convocatoria de axuda se resolva a primeiros do mes de maio e de resultar favorable suporía un revulsivo total para o turismo e para a actividade comercial de Ribadeo incrementando notablemente tamén a protección do espazo natural deste areal e a súa comprensión e o seu disfrute dunha maneira máis sostible e integral”.

0.1882209777832