O Concello de Foz estrea nova web municipal adaptada ás novas tecnoloxías

Foz
AMariñaXa
O Concello de Foz vén de publicar a súa nova web municipal, un traballo de modernización imprescindible que trae novidades
nova web Foz 2023
nova web Foz 2023
13 may 2023

O Concello de Foz vén de publicar a súa nova web municipal, un traballo de modernización imprescindible que trae novidades importantes en materia de adaptación ás novas tecnoloxías. Unha das novas máis destacadas é a presenza da radio municipal en emisión online. Un paso moi importante para a dinamización da emisora local, punto de encontro e información para todos os cidadáns de Foz, que agora se estende tamén aos que viven fóra. A súa ligazón na web posibilita que se poida escoitar en todos os lugares do mundo, para quen estea preto ou lonxe e queira saber das voces do seu pobo.

A nova web facilita a consulta de moitos servizos municipais, sendo máis visuais e sinxelos. Na parte de urbanismo, ademais de informar dos distintos procedementos, pódese acceder ao PXOM municipal ou descargar a planimetría do inventario de camiños. Cuestións como os símbolos do municipio -escudo, bandeira ou tamén o novo logotipo- poden ser atopados e descargados da web no apartado “Concello”. Existe tamén unha guía municipal moi completa e enlaces sinxelos ás ordenanzas municipais e á sede electrónica do Concello.

A cultura tamén ocupa un lugar moi importante da páxina, xa que se poderá consultar a axenda municipal de eventos e toda a actualidade con só unha ollada. Ademais o cronista oficial de Foz conta cun espazo propio para a publicación de textos sobre a historia de Foz: a “Bitácora focega”.

A web continuará sendo actualizada coas novidades que se produzan no concello, buscando ser unha ferramenta de uso sinxelo para todos e unha ventá atractiva para a consulta e o coñecemento de Foz. Traballo que se complementará coa nova web de turismo, que está en elaboración e que afondará nos recursos e nas posibilidades que ten o noso concello neste ámbito.

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, móstrase “moi satisfeito por un traballo que xa se debería ter feito hai moitos anos, pero quedou estancado desde a páxina creada polo anterior goberno socialista. A nova web é unha ferramenta útil, áxil e sinxela. Desde a páxina temos ligazóns directas a creacións realizadas neste mandato como a web de arquivo dixital de Foz (arquivoconcellodefoz.com) ou a páxina de promoción do noso municipio viveytrabajaenfoz.com. Pero quizais a novidade principal é que agora dispoñemos de emisión online de Radiofoz. Non só para os que viven fóra: a sinal de radio non chegaba a tódolos fogares do concello e por fin vamos poder escoitala en todas partes: agora si entramos no século XXI”.