O Concello de Foz culmina o asfaltado de dúas rúas dentro dun plan de mellora urbana

Foz
AMariñaXa
Os traballos en Jesús Nazareno e Concello de Cervo completan unha actuación de case 187.000 euros e continuarán con novos proxectos nos vindeiros días
OBRAS-DE-MELLORA-EN-RuAS-DE-FOZ-2026
25 Apr 2026

O Concello de Foz vén de finalizar os traballos de aglomerado en quente nas rúas Jesús Nazareno e Concello de Cervo, unha actuación incluída no plan de renovación de servizos e mellora do firme impulsado con cargo ao Plan Deputación 2025. O investimento destinado a esta intervención ascende a 186.880 euros.

Segundo explicou o alcalde, Fran Cajoto, a actuación non remata aquí, xa que nos próximos días os operarios da empresa adxudicataria continuarán executando tarefas complementarias como a reposición de tapas de arquetas, a sinalización viaria e outros remates necesarios para completar a obra.

No caso da rúa Jesús Nazareno, está prevista ademais a renovación da escaleira que conecta co Campo da Cabana, incorporando novas varandas co obxectivo de mellorar a seguridade dos peóns. Así mesmo, dentro da garantía da obra, a empresa encargada tamén realizou recentemente a reparación do firme na baixada das Casas Baratas.

De cara ás próximas semanas, o rexedor anunciou novas intervencións vinculadas a este mesmo contrato. Entre elas figura a renovación de servizos na rúa do Mar, que levará aparellada unha modificación temporal do sentido do tráfico en Jesús Nazareno mentres duren os traballos.

Por outra banda, a última actuación prevista centrarase nos accesos ao instituto, aínda que neste caso o Concello decidiu aprazar o inicio das obras ata a finalización do curso escolar co fin de evitar molestias á comunidade educativa.

Con estas intervencións, o goberno local continúa avanzando na mellora das infraestruturas viarias e dos servizos municipais, co obxectivo de ofrecer espazos máis seguros e funcionais á veciñanza.

0.11812305450439