O Concello de Foz continúa coa mellora de distintas rúas do casco urbano

Foz
AMariñaXa
O Concello de Foz continúa coa mellora de distintas rúas do casco urbano con cargo a fondos do Plan Único 2022
MELLORAS NA AVENIDA DE VIVEIRO (FOZ)
MELLORAS NA AVENIDA DE VIVEIRO (FOZ)
18 feb 2023

O Concello de Foz continúa coa mellora de distintas rúas do casco urbano con cargo a fondos do Plan Único 2022. Esta semana renovouse o firme cunha nova capa de rodadura de aglomerado en quente do Camiño Real a Llas, o vial que conecta o cámping de Llas coa zona das Torres. Esta actuación, orzamentada en máis de 47.000 euros, contempla, ademais da renovación de firme, o remate da beirarrúa na zona máis próxima ás Torres e a creación dunha senda peonil con separadores de calzada, actuacións que se executarán nas vindeiras semanas. Outra vía na que se dispuxo unha nova capa de rodadura é a rúa Pena Parda, en Marzán. Cun orzamento de máis de 19.000 euros, actuouse nunha zona moi poboada cun firme moi deteriorado, no tramo comprendido entre a fonte de Sieiro e o cruce con Avenida de Viveiro. Anunciouno o alcalde, Fran Cajoto.

O rexedor municipal engadiu que “outra actuación do equipo de estendido foi o fresado e aglomerado do carril dereito de entrada a Foz da Avenida de Viveiro, entre o pavillón de Marzán e a rúa Pena Parda, que presentaba un grave deterioro. Esta actuación, pendente da sinalización horizontal, orzamentouse en algo máis de 10.600 euros. Tamén se renovou o firme no cruce entre Mariñeiro Chila e Concello de Sarria con case 8.000 euros”.

O alcalde pide desculpas polas molestias causadas polas obras, que aínda non están rematadas. “Está pendente a sinalización vertical e o pintado, ademais de outras actuacións. Tamén estivemos traballando na travesía que une a Avenida de Breogán con Ollo do Mar, que é unicamente de acceso a residentes e que se pavimentará con formigón impreso. Outras accións que se executarán proximamente dentro deste contrato son a limpeza e pavimentación dun calexón en Curros Enríquez e a mellora de firme na rúa de Redondo e no Cainzal, en Vilaxoane. Continuamos traballando”.

OBRAS NO CAMInO REAL A LLAS (FOZ)