O Concello de Cervo acollerá a II Mini BTT Medela MTB o próximo 29 de setembro

AMariñaXa
O evento terá lugar nun circuíto no Polígono de Cuíña e contará con 250 corredores en diferentes categorías
Imaxe da II MINI BTT MEDELA
18 sep 2024

O Concello de Cervo será o escenario da II Mini BTT Medela MTB, que se celebrará o vindeiro domingo 29 de setembro a partir das 10.00 horas. Este evento federado terá lugar nun circuíto especialmente deseñado e acondicionado no Polígono de Cuíña, cedido ao Club Medela MTB para este propósito.

A cita deportiva foi presentada pola alcaldesa Dolores García Caramés e o presidente do Club Medela MTB, David Riera. Acompañaronos na presentación un grupo de rapaces que forman parte da categoría base do club e que tamén competiran na proba.

As inscricións para participar na Mini BTT están abertas ata o 26 de setembro a través da web da Federación Galega de Ciclismo. As categorías dispoñibles para a competición inclúen Promesa Fem., Promesa B, Promesa A, Principiante Fem., Principiante B, Principiante A, Benjamín Fem., Benjamín, Alevín Fem., Alevín, Infantil Fem. e Infantil. Os pequenos federados poden inscribirse de forma gratuíta, mentres que os non federados deberán abonar unha taxa de 5 euros. O límite de participantes está fixado en 250 corredores.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, quixo destacar e agradecer a dedicación dos rapaces do Club Medela, subliñando o seu esforzo e compromiso para organizar eventos como este que colocan a Cervo no mapa do ciclismo. “Están a investir moitas horas do seu tempo para que Cervo se converta nun referente para a práctica do ciclismo e para inculcar desde idades temperás a importancia da actividade física no día a día”, comentou a rexedora.

O Concello de Cervo anima a veciños e visitantes a participar e apoiar esta actividade que promove a práctica do deporte e a convivencia entre as crianzas, apostando por un estilo de vida saudable e activo.

0.19335889816284