O colexio Martínez Otero de Foz recibiu a unha delegación do equipo feminino do Pescados Rubén Burela Fútbol Sala
Este xoves 11 de maio, o colexio Martínez Otero de Foz tivo o inmenso pracer de recibir a unha delegación do equipo feminino do Pescados Rubén Burela Fútbol Sala, que nesta tempada xa acadou a Supercopa de España e a Copa da Raíña.
O alumnado de 3°, 4°, 5° e 6° de Primaria puido escoitar o relato das xogadoras profesionais Saki, Caridad e Patricia. As futbolistas tamén estiveron acompañadas por Emma Losada (delegada do equipo).
O mundo do deporte profesional, a esixencia dos adestramentos, os éxitos acadados, obxectivos a curto prazo, soños por cumprir, alimentación, descanso... Foron moitos os temas que as xogadoras compartiron cos rapaces e rapazas. Ademais, tamén se prestaron a responder todas as preguntas que o noso alumnado tiña en mente e a asinar tarxetas personalizadas para que os máis pequenos gardasen unha fermosa lembranza.