O Club Ciclista Viveiro renderá homenaxe a Isidro Fernández no 41º Gran Premio San Roque

AMariñaXa
A competición, que se disputará este sábado, levará por primeira vez o nome de Memorial Isidro Fernández e reunirá durante toda a xornada a distintas categorías de ciclismo
gran-premio-san-roque-viveiro
15 Jul 2026

O Club Ciclista Viveiro celebrará este sábado o 41º Gran Premio San Roque, unha edición moi especial que pasará a denominarse Memorial Isidro Fernández para render homenaxe ao fundador da entidade, falecido a finais do pasado ano.

Seguindo o legado de Isidro Fernández, a cita deportiva ofrecerá unha xornada completa de competición. Pola mañá disputaranse as probas das categorías júnior e máster, mentres que pola tarde será a quenda das categorías de escolas e cadetes, así como das categorías femininas júnior, sub-23, elite e máster.

Con motivo da celebración da carreira, o Club Ciclista Viveiro informa de que permanecerá pechada ao tráfico a estrada comprendida entre a Cruz Vermella e o parque de Pernas Peón, ademais de toda a contorna do pavillón e do campo de fútbol Marcos Gómez.

A organización pide desculpas polas molestias que estas restricións poidan ocasionar á veciñanza e anima ao público a achegarse para seguir unha nova edición dunha das citas máis tradicionais do calendario ciclista da comarca.

0.11976909637451