O Celeiro Club del Mar denuncia a súa exclusión das subvencións municipais

O presidente do Celeiro Club del Mar, Martín Rodríguez, fixo pública a súa preocupación tras recibir a noticia de que o Concello de Viveiro deixará fóra ao equipo das subvencións municipais dirixidas ás asociacións deportivas. Segundo explicou, despois de contactar coa alcaldesa para coñecer os motivos, a resposta foi que este ano só se destinarán axudas ao deporte base.
Rodríguez recoñeceu que a decisión supón “un duro golpe” para o club, xa que manter un equipo en competición “non é nada fácil” e a falta de apoio institucional “fai sentir pouco ou nada valorados” pola administración local. A directiva mesmo se chegou a formular non competir esta tempada, aínda que finalmente decidiron seguir adiante grazas ao esforzo de colaboradores e socios. “Estamos eternamente agradecidos a empresarios, autónomos e veciños que nos axudan a que o proxecto continúe”, subliñou.
O Celeiro Club del Mar puxo en marcha unha campaña de colaboración para a tempada 2025/2026, con diferentes opcións de patrocinio como a colocación de lonas publicitarias de varios tamaños, anuncios en carteis e redes sociais, ou abonos para socios a prezos populares. Con estes ingresos, o club espera cubrir parte das necesidades económicas e asegurar a súa participación na competición.
Ademais, a campaña de socios ofrece vantaxes adicionais: sorteos mensuais dunha cea para dúas persoas na Pulpería Mario de Viveiro, descontos especiais na roupa do club, sorpresas exclusivas como camisetas entre os membros e un sorteo de aloxamento con circuíto termal no Talasso Las Sirenas para dúas persoas. Todo isto por tan só 5 euros ao ano.
Martín Rodríguez subliña que “estas iniciativas buscan non só reforzar o espírito do club, senón tamén achegar a comunidade ao deporte e á vida social de Celeiro”. Os interesados poden poñerse en contacto co club a través das redes sociais ou no teléfono 648 183 619.
“Esta tempada xogaremos, pero non grazas ao Concello de Viveiro. O que pase o ano que vén é unha incógnita”, advertiu o presidente, lamentando que o consistorio “deixe de lado” ao equipo.