O CEIP de Cervo pecha en Pireneos dous anos de traballo colaborativo no proxecto “Cada Gota Conta”

O alumnado e o profesorado do CEIP de Cervo participaron no encontro final do proxecto estatal “Cada Gota Conta”, unha iniciativa educativa desenvolvida nos Pireneos que supuxo o peche de dous cursos de traballo conxunto entre centros de distintas comunidades autónomas.
Esta mobilidade, integrada no programa de Agrupacións de Centros Educativos do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes e coa colaboración do Concello de Cervo, marcou o final dun proceso colaborativo centrado na sustentabilidade, o uso responsable da auga, a inclusión educativa e a aplicación de metodoloxías STEAM.
Durante a estancia nos Pireneos, o alumnado e o profesorado compartiron actividades, aprendizaxes e experiencias vinculadas á protección do medio ambiente, ao tempo que se reforzaron os vínculos de convivencia e cooperación establecidos ao longo das diferentes mobilidades realizadas en cidades como Cartagena, Asturias, Lugo, Gran Canaria e Elda.
O encontro permitiu ao alumnado traballar de maneira conxunta con estudantes doutros territorios, intercambiar coñecementos e achegarse á diversidade cultural e educativa das distintas rexións participantes. Ademais, o contorno natural dos Pireneos converteuse nun espazo de aprendizaxe ao aire libre, no que se abordou de forma directa a importancia dos ecosistemas acuáticos e a necesidade da súa conservación.
“Cada Gota Conta” naceu co propósito de concienciar sobre o valor da auga como recurso imprescindible para a vida, promovendo ao mesmo tempo valores como a igualdade, a inclusión, a sustentabilidade e a cidadanía responsable. O proxecto foi ademais unha das iniciativas máis valoradas a nivel estatal, permitindo un traballo coordinado entre alumnado e profesorado durante dous anos académicos.
Desde o CEIP de Cervo destacan o impacto positivo desta experiencia tanto a nivel educativo como humano, subliñando que o proxecto contribuíu a mellorar competencias clave, ampliar coñecementos e crear lazos con estudantes doutros puntos do Estado, consolidando unha aprendizaxe baseada na cooperación, o respecto polo medio ambiente e o compromiso cun futuro máis sostible.