O CEIP Celso Currás estrea unha nova caldeira tralos problemas coa calefacción do pasado inverno

O CEIP Celso Currás de Trabada afrontará o novo curso cunha caldeira renovada. A Consellería de Educación substituíu durante o verán o anterior equipamento, que dera problemas o pasado curso, por unha nova instalación valorada en 18.000 euros.
O PP de Trabada visitou o centro para comprobar o resultado da actuación e mostrou a súa satisfacción pola decisión adoptada por Educación. Segundo explican os populares, a antiga caldeira sufrira varios fallos e, aínda que finalmente fora reparada, a formación insistiu ante a Consellería na conveniencia de substituíla para evitar que o alumnado puidese volver quedar sen calefacción durante os meses de inverno.
A petición foi finalmente atendida e os traballos executáronse durante as vacacións de verán, permitindo que o colexio comece o curso coa nova instalación xa preparada. Desde o PP agradeceron á directora territorial "a amabilidade e a rapidez desta decisión", ao considerar que a renovación era necesaria para garantir o correcto funcionamento da calefacción.
RECLAMACIÓN AO CONCELLO
Os populares aproveitaron a visita ao CEIP Celso Currás para advertir de que, malia a renovación da caldeira, aínda quedan outras actuacións pendentes nas instalacións escolares. Neste caso, dirixiron as súas reclamacións ao goberno municipal, ao que atribúen a responsabilidade sobre os traballos de mantemento.
"Instamos ó Concello de novo para que faga o mantemento que é da súa competencia e faltan moitas cousas por facer, dende portas en mal estado, cristais rotos e baños deteriorados", sinalaron desde o PP de Trabada.
A formación considera así que a actuación realizada pola Consellería permite solucionar unha das principais preocupacións que existían no centro despois dos problemas coa calefacción do curso anterior, pero insiste en que é necesario continuar mellorando as instalacións.
Por este motivo, os populares reclaman ao Concello de Trabada que acometa as tarefas de conservación que consideran pendentes para solucionar as deficiencias que detectan en diferentes puntos do colexio.