O CD Lugo e o Coruxo FC disputarán o torneo Vila de Foz no Martínez Otero

Foz
AMariñaXa
A cita organizada polo CD Foz celebrarase este sábado 15 de agosto ás 18.00 horas e volverá converter o estadio focense en punto de encontro para os afeccionados ao fútbol
TORNEO-DE-FÚTBOL-VILA-DE-FOZ-2026
11 Aug 2026

O Estadio Martínez Otero acollerá este sábado 15 de agosto unha nova edición do torneo de fútbol Vila de Foz, unha das citas deportivas do verán no municipio. Nesta ocasión, o encontro medirá ao CD Lugo e ao Coruxo FC a partir das 18.00 horas.

O torneo está organizado polo Club Deportivo Foz e conta coa colaboración do Concello de Foz, que destacou o labor que está a desenvolver a entidade deportiva tanto na formación de novos xogadores como na configuración de equipos competitivos.

O alcalde, Fran Cajoto, e o concelleiro de Deportes, Ángel Fernández Neira, puxeron especialmente en valor a implicación da directiva do CD Foz e a súa aposta pola canteira. Desde o Goberno local consideran que o traballo realizado polo club contribúe a impulsar a práctica deportiva entre os máis novos e a fortalecer o fútbol no municipio.

Neste sentido, os responsables municipais lembraron que o fomento do deporte base constitúe unha das prioridades do Concello e destacaron a importancia de contar con entidades e directivas comprometidas coa continuidade e o crecemento dos seus proxectos deportivos.

A nova edición do Vila de Foz permitirá ademais aos afeccionados gozar dun encontro entre dous conxuntos galegos no Martínez Otero. Desde o Concello animan á veciñanza e aos seguidores do fútbol a achegarse ao estadio durante a tarde do sábado para acompañar aos equipos e desfrutar desta nova cita deportiva.

0.15512609481812