O campo de herba artificial do Árbol, no Valadouro, xa conta cunha grada cuberta, bancos e novas luminarias
O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsable de Deportes Efrén Castro e o deputado de Mocidade Daniel García visitaron o campo de fútbol do Árbol, onde a Concellería de Deportes do Valadouro realizou diferentes melloras co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Acompañados polo tenente alcalde do Valadouro, Eduardo Chao, e polo concelleiro de Deportes, Eliseo Teijeiro, comprobaron as actuacións que se desenvolveron nos últimos meses, para mellorar a comodidade e a seguridade do campo de herba artificial, empregado polos equipos das categorías de base da Asociación Deportiva Río Ouro, que concentra boa parte da actividade deportiva no concello.
A obra principal foi a instalación dunha grada cuberta nun dos laterais do campo, para albergar ás familias e persoas afeccionadas que se achegan aos partidos e os adestramentos. Ademais, colocáronse dous bancos de 8 prazas e redes de protección no perímetro do recinto -a carón da LU-152 –, e repuxéronse as cantoneiras de madeira que protexen o bordo das beirarrúas que rodean o campo. Tamén se renovou o alumeado coa instalación de novos focos máis eficientes e con maior intensidade luminosa.
Eliseo Teijeiro explicou que “as melloras se foron realizando de forma progresiva, desde a instalación da grada ata a renovación do alumeado, cun investimento total de 112.000 euros para o que contamos coa colaboración da ára de Deportes da Vicepresidencia da Deputación de Lugo” e remarcou que “para nós é unha prioridade que as nenas e nenos do municipio, e a veciñanza en xeral, poidan divertirse e practicar deporte nas mellores condicións posibles, polo que seguiremos modernizando e adaptando o recinto ás súas necesidades ”.
O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro destacou que “unhas infraestruturas seguras e que respondan as necesidades dos usuarios e usuarias facilitan a práctica do deporte, sobre todo nas categorías de base” e lembrou “que este tipo de investimentos en colaboración cos concellos complementan o apoio que desde a Vicepresidencia da Deputación se presta ao tecido deportivo de base e afeccionado, sobre todo a través das subvencións de concorrencia competitiva destinadas ao gastos de actividade dos clubs e entidades deportivas".