O campo da Veiga incorpora novos banquiños móbiles para mellorar os encontros do fútbol base en San Cibrao

O Concello de Cervo continúa avanzando na mellora das instalacións deportivas municipais coa incorporación de novos bancos móbiles no campo da Veiga, en San Cibrao, unha actuación pensada especialmente para optimizar os encontros e adestramentos das categorías de base.
A alcaldesa cervense, Dolores García Caramés, visitou recentemente o recinto deportivo coincidindo cunha sesión de traballo dos equipos inferiores do CD San Ciprián, na que tamén participou o presidente da entidade, Eduardo Rubal.
A nova infraestrutura permitirá adaptar con maior facilidade os espazos de xogo ás necesidades dos partidos de fútbol base, especialmente daqueles encontros que se disputan a medio campo e nos que non é necesario utilizar a totalidade do terreo de xogo. Grazas ao seu sistema móbil, os bancos poden desprazarse de maneira sinxela segundo o tipo de actividade ou a distribución do campo.
Desde o goberno municipal explican que esta mellora foi financiada integramente con recursos propios do Concello e forma parte da liña de investimentos dirixida a reforzar os equipamentos deportivos do municipio.
Dolores García Caramés destacou que o executivo local mantén o compromiso de continuar modernizando progresivamente as instalacións deportivas e de ofrecer ferramentas prácticas aos clubs da localidade. A rexedora subliñou ademais a importancia do deporte base como espazo de formación persoal e convivencia.
Segundo indicou, este tipo de investimentos non só melloran o funcionamento diario das entidades deportivas, senón que tamén contribúen a fomentar valores como o esforzo, o respecto e o compañeirismo entre os máis novos.
A alcaldesa tamén puxo en valor o labor que desenvolve o CD San Ciprián no traballo coa canteira e na promoción da práctica deportiva entre a mocidade, destacando a implicación do club na formación dos rapaces e rapazas do municipio.
Con esta actuación, o Concello de Cervo continúa ampliando e adaptando os recursos destinados ás actividades deportivas locais, apostando por infraestruturas máis funcionais e versátiles para o uso diario dos equipos.