O Camiño Gastronómico do Mar percorrerá 15 concellos da costa galega con sete etapas entre outubro e novembro

AMariñaXa
A iniciativa da OPP de Burela e da Asociación Amigos do Camiño do Mar comeza este domingo 11 de outubro en Ribadeo e Barreiros, cunha degustación de peixe ao remate de cada xornada en establecementos hostaleiros da ruta
Presentacion-Camiño-gastronomico-mar-2026
9 Oct 2026

A Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela (OPP-7) e a Asociación Amigos do Camiño do Mar Peregrinación a Santiago de Compostela presentaron este venres, 9 de outubro, unha nova edición do Camiño Gastronómico do Mar, unha proposta que combina sendeirismo, gastronomía e promoción do patrimonio costeiro. A iniciativa, que alcanza o seu sexto ano, manterá os obxectivos cos que naceu: dar a coñecer o Camiño do Mar, divulgar a riqueza paisaxística e patrimonial dos 15 concellos polos que pasa e fomentar hábitos saudables mediante o exercicio físico e o consumo de peixe.

A presentación celebrouse no salón de actos de Armadores de Burela e estivo presidida pola conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Marta Villaverde. Ao encontro asistiron representantes de varios municipios incluídos no percorrido, entre eles Cariño, Mañón, Burela e Xove, así como profesionais da hostalería local e representantes das distintas flotas do porto burelao.

A programación desenvolverase durante sete fins de semana, desde este domingo 11 de outubro ata o 22 de novembro. Cada xornada permitirá completar unha etapa da ruta xacobea, cun percorrido aproximado de 15 quilómetros. En total, os participantes atravesarán os quince concellos costeiros polos que discorre o Camiño do Mar, desde Ribadeo ata Neda, visitando dous municipios en cada etapa, agás na última, que incluirá tres.

A primeira saída partirá este domingo de Ribadeo e continuará por Barreiros. As 50 prazas dispoñibles para esta xornada xa están cubertas. Ao remate da ruta, os participantes poderán degustar tapas de raia e tintorera procedentes das flotas de Burela no restaurante Oviedo, en Ribadeo.

O calendario continuará o 18 de outubro coa etapa entre Foz e Burela; o día 25, con Cervo e Xove; e o 1 de novembro, con Viveiro e O Vicedo. As seguintes citas serán o 8 de novembro, entre Mañón e Ortigueira, e o día 15, entre Cariño e Cedeira. A última xornada, prevista para o 22 de novembro, abarcará Valdoviño, Narón e Neda.

As persoas interesadas deberán inscribirse a través da web www.asocaminodelmar.com ata o xoves de cada semana ou ata que se complete o número máximo de participantes.

Unha das principais novidades desta edición será a colaboración da hostalería local. Segundo explicou o xerente da OPP de Burela, Sergio López, a tradicional degustación de Peixe de Burela ao remate de cada etapa celebrarase este ano nun restaurante situado no percorrido. A proposta pretende reforzar a relación entre a ruta, os produtos pesqueiros e os negocios hostaleiros das localidades participantes.

O presidente da Asociación Amigos do Camiño do Mar Peregrinación a Santiago de Compostela, Manuel Vicente, salientou a cooperación das distintas entidades que fan posible a actividade. Entre elas citou a Xunta, a través da Consellería do Mar; os quince concellos da ruta; organizacións do sector pesqueiro como a OPP de Burela e ABSA, e empresas colaboradoras como Estrella Galicia, que seguirá participando no avituallamento final de cada etapa.

O Camiño Gastronómico do Mar conta co cofinanciamento da Xunta de Galicia e do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA). A acción forma parte do plan anual de produción e comercialización da OPP-7 Porto de Burela e busca contribuír á trazabilidade dos produtos pesqueiros e facilitar aos consumidores información clara e completa sobre eles.

Pola súa banda, Marta Villaverde desexou "bo camiño" aos participantes e destacou a consolidación desta proposta como unha cita habitual dos últimos meses do ano. A conselleira puxo o foco na combinación de actividade física, coñecemento da contorna e consumo de especies pesqueiras, e agradeceu a implicación das administracións e do sector para seguir promovendo o consumo de peixe.

0.14453601837158