O C.D. Alfoz reclama respecto tras o uso do seu material sen autorización

O presidente do C.D. Alfoz, Jacobo Rivas Val, fixo público un comunicado para explicar os últimos acontecementos relacionados co club e coa nova etapa iniciada polo A.D. Río Ouro coa creación dun equipo sénior. O responsable da entidade alfocense reivindica o diálogo e a colaboración entre clubs, pero reclama respecto polos espazos e polo material que utiliza o C.D. Alfoz.
Rivas lembra que a entidade representa o municipio desde 1981 e destaca o traballo realizado ao longo destas décadas por numerosas persoas que colaboraron de maneira desinteresada para garantir a continuidade do equipo. Neste sentido, reivindica o C.D. Alfoz como parte do tecido social e deportivo do concello e non unicamente como un equipo de fútbol.
O comunicado aborda tamén a relación co A.D. Río Ouro e recoñece o labor desenvolvido por esta entidade no fútbol base e na formación de nenos e mozos. Segundo explica o presidente, o C.D. Alfoz apoiou este proxecto desde a súa creación e, posteriormente, propuxo establecer unha relación de filialidade entre ambos os clubs.
A iniciativa pretendía configurar un proxecto común que permitise aos futbolistas formados nas categorías inferiores contar cunha continuidade deportiva no municipio. Finalmente, o acordo non saíu adiante e o A.D. Río Ouro optou por crear o seu propio equipo sénior, unha decisión que desde o C.D. Alfoz aseguran respectar.
Con todo, Rivas manifesta o seu malestar por uns feitos ocorridos recentemente nas instalacións municipais. Segundo afirma, o club tivo coñecemento de que se accedeu a dependencias empregadas habitualmente polo C.D. Alfoz para realizar gravacións relacionadas coa presentación do novo equipo sénior do A.D. Río Ouro. O presidente sostén, ademais, que durante estas gravacións se utilizou material deportivo propiedade do seu club sen comunicación nin autorización previa.
Desde o C.D. Alfoz subliñan que o Campo Municipal é unha instalación pública e que nunca pretenderon ter un uso exclusivo do recinto. Pola contra, defenden que debe estar a disposición do deporte e da veciñanza, especialmente para favorecer a práctica deportiva entre os máis novos.
A entidade diferencia, non obstante, entre compartir unha instalación pública e acceder aos espazos empregados por outro club ou utilizar material da súa propiedade. Para Rivas, a coordinación entre as diferentes entidades e o respecto destes límites son necesarios para garantir unha convivencia adecuada.
O presidente tamén pon en valor os recursos económicos e materiais destinados polo C.D. Alfoz durante os últimos anos á conservación e modernización do Campo Municipal, así como as numerosas horas de traballo voluntario dedicadas a estas tarefas.
Pese ás discrepancias xurdidas, Rivas asegura que o club manterá a súa disposición a colaborar con outras entidades e continuará apostando polo diálogo. O C.D. Alfoz, conclúe o seu presidente, pretende seguir defendendo os valores de “respecto, humildade, traballo, diálogo e compromiso” e contribuír a que o deporte no municipio funcione como un elemento de unión.