O bonito de Burela conquista Lugo nunha xornada gastronómica que abre o camiño á súa gran feira

O bonito de Burela foi o gran protagonista este mércores na Praza de San Marcos, onde a Deputación de Lugo celebrou a segunda Xornada de Exaltación deste produto co obxectivo de promocionar a XL Feira do Bonito de Burela, que terá lugar os vindeiros 1 e 2 de agosto, e reivindicar un dos emblemas gastronómicos máis representativos da Mariña lucense.
A iniciativa reuniu a numeroso público arredor dunha demostración culinaria na que tres recoñecidos cociñeiros lucenses elaboraron diferentes receitas tendo como ingrediente principal o bonito de Burela. A actividade converteuse nun escaparate para dar a coñecer as posibilidades culinarias deste peixe e trasladar á capital lucense o ambiente que cada verán acompaña a chegada da campaña do bonito ao porto burelés.
No acto participou a presidenta da Deputación de Lugo e alcaldesa de Burela, Carmela López Moreno, acompañada pola presidenta da asociación Ledicia, Rocío Rivera Seara; pola cronista oficial do Concello de Burela, Herminia Pernas Oroza; e por representantes da organización da feira.
Durante a súa intervención, Carmela López destacou que esta xornada busca achegar á provincia unha das celebracións máis representativas da Mariña. A presidenta sinalou que o bonito é un dos produtos que mellor identifican a comarca e puxo en valor o traballo de pescadores, hostaleiros e de todas as persoas que contribúen a manter viva unha cita gastronómica que xa forma parte da identidade de Burela.
Pola súa banda, Rocío Rivera convidou á cidadanía a participar na Feira do Bonito, que este ano celebra o seu corenta aniversario. A presidenta da asociación Ledicia lembrou que o certame naceu para impulsar o consumo de bonito fresco nun momento no que este produto era coñecido principalmente polas conservas, un obxectivo que, ao seu xuízo, se conseguiu consolidar ao longo destas catro décadas.
Tamén a cronista oficial de Burela, Herminia Pernas, quixo poñer o foco nas persoas que fan posible esta tradición. Na súa intervención reivindicou o papel dos mariñeiros da Moncloa e lembrou que detrás de cada marea existen historias de sacrificio e dedicación. Ademais, destacou a importancia que a pesca do bonito tivo durante décadas no desenvolvemento económico da vila e no crecemento do seu porto.
A demostración gastronómica correu a cargo de Juan Rubiños, do restaurante Il Farabutto, que preparou un bonito marinado con cítricos; Diego López, dos establecementos Lugar de Pascuais, Bulló Xantar e Andar, que elaborou unha tapa de raxo de bonito; e Álex Méndez, de Os Cachivaches, que pechou a exhibición cun arroz elaborado con este produto.
Ao remate da sesión repartíronse entre o público 450 tapas, permitindo aos asistentes degustar distintas interpretacións culinarias dun produto que cada ano centra unha das grandes citas gastronómicas do verán galego.
A presidenta da Deputación reafirmou tamén o compromiso da institución coa promoción dos produtos de calidade da provincia e co apoio aos sectores produtivos que contribúen a crear emprego e dinamizar o territorio. Ao mesmo tempo, animou á cidadanía a achegarse a Burela os días 1 e 2 de agosto para vivir unha feira que combina tradición mariñeira, gastronomía e posta en valor dun dos grandes tesouros do litoral lucense.