O BNG propón integrar o Centro de Día do Vicedo na rede pública galega para acelerar a súa apertura

AMariñaXa
Os nacionalistas levarán ao pleno unha moción para reclamar a intervención da Xunta e garantir un servizo accesible para as persoas maiores do municipio
BNG-Vicedo-2026
22 May 2026

O BNG do Vicedo volverá situar no centro do debate político a apertura do Centro de Día do municipio, unha infraestrutura largamente demandada pola veciñanza e que, a pesar de contar xa cun edificio acondicionado para ese fin, continúa sen entrar en funcionamento. A formación nacionalista defenderá no próximo pleno unha moción coa que pretende impulsar a integración destas instalacións na rede pública autonómica de atención ás persoas maiores.

Os nacionalistas lembran que a creación deste servizo foi durante anos unha das principais reivindicacións sociais do municipio. De feito, hai unha década promoveron unha campaña de recollida de máis dun milleiro de sinaturas para reclamar a adaptación da antiga Casa do Mar como centro asistencial. O inmoble foi finalmente acondicionado para albergar un equipamento con capacidade para 35 usuarios, pero a súa posta en marcha segue pendente.

O concelleiro do BNG no Vicedo, Miguel Gómez, defende que garantir unha atención adecuada ás persoas maiores debe ser unha prioridade para as administracións locais. Segundo explica, a existencia dun centro de día permitiría que moitos veciños puidesen continuar vivindo no seu entorno habitual, mantendo os vínculos familiares e sociais, ao tempo que facilitaría a conciliación das familias coidadoras.

Desde a formación nacionalista consideran que a fórmula de xestión escollida polo goberno municipal non deu os resultados esperados. Segundo sinalan, a aposta por un modelo baseado nunha concesión privada non conseguiu atraer empresas interesadas en asumir a explotación do servizo. O primeiro concurso público convocado polo Concello, cun importe superior aos 1,2 millóns de euros para tres anos, quedou sen ofertas. Posteriormente foi necesario iniciar unha nova licitación, circunstancia que, segundo o BNG, contribuíu a prolongar o atraso na apertura das instalacións.

A esta situación engaden as condicións económicas previstas para os usuarios no modelo proposto. Os nacionalistas sosteñen que as tarifas contempladas resultan demasiado elevadas para unha parte importante da poboación pensionista do municipio, especialmente nun concello cun marcado carácter rural e cun elevado índice de envellecemento.

Como alternativa, o BNG aposta pola incorporación do Centro de Día do Vicedo ao sistema público xestionado polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. A formación considera que esta opción permitiría desbloquear a apertura do servizo e garantir un modelo de acceso baseado en criterios públicos, con prezos adaptados á situación económica de cada usuario.

A moción que será debatida no pleno solicita que o Concello realice unha petición formal á Xunta de Galicia e ao propio Consorcio para que as instalacións pasen a formar parte da rede pública galega de centros de día. Ademais, propón iniciar os trámites administrativos e xurídicos necesarios para formalizar un convenio de colaboración que posibilite a cesión de uso do inmoble.

Entre as medidas recollidas na iniciativa tamén figura a elaboración dun calendario de actuacións consensuado entre as distintas administracións implicadas. O obxectivo, segundo explica o BNG, é fixar prazos concretos para cada fase do proceso e avanzar cara á apertura definitiva dun servizo que consideran esencial para responder ás necesidades asistenciais presentes e futuras da poboación do Vicedo.

0.11526012420654