O BNG propón crear no Vicedo un centro galego para valorizar os plásticos agrícolas

AMariñaXa
Miguel Gómez levará ao pleno unha iniciativa para impulsar unha planta de economía circular que recolla, procese e recicle os residuos do sector agrogandeiro
BNG-Vicedo-2026-Miguel-Gomez
28 Sep 2026

O BNG do Vicedo levará ao próximo pleno municipal unha proposta para impulsar a creación dun Centro Galego de Valorización de Plásticos Agrícolas, unha infraestrutura coa que a formación nacionalista pretende situar o municipio no ámbito da economía circular e ofrecer unha alternativa para a xestión dos residuos procedentes do sector primario.

O portavoz municipal do BNG, Miguel Gómez, sinala que a actividade agrícola e gandeira xera cada ano importantes cantidades de residuos plásticos, entre eles film de silo, plásticos de acolchado, mantas térmicas e tubaxes de rega. Segundo defende, o traslado destes materiais a longas distancias incrementa os custos de xestión e o impacto asociado ao seu transporte.

A proposta expón que o Vicedo lidere o proxecto e conserve a titularidade e o control da infraestrutura, mentres que a xestión técnica e industrial, o mantemento e o tratamento dos residuos se desenvolvan mediante un modelo de colaboración público-privada con empresas especializadas.

O obxectivo sería crear unha instalación de referencia para atender as necesidades do sector agrogandeiro galego e favorecer a recuperación e reciclaxe dos plásticos agrícolas. Gómez considera que o proxecto permitiría combinar a xestión dun problema ambiental coa xeración de actividade económica e emprego no municipio.

A iniciativa contempla tamén abrir contactos coa Xunta, o IGAPE e outras administracións para estudar posibles vías de financiamento e apoio, así como cos sindicatos agrarios e as cooperativas para analizar a viabilidade da proposta.

O portavoz nacionalista destaca a localización do Vicedo e a súa proximidade aos principais corredores gandeiros do norte de Galicia como elementos que, segundo o BNG, poderían favorecer a implantación da infraestrutura.

A proposta dá continuidade a anteriores iniciativas do BNG do Vicedo relacionadas coa xestión dos residuos plásticos agrícolas. En 2025, a formación xa formulou a creación dun punto limpo específico para estes materiais e reclamou financiamento para poñelo en marcha.

Para Miguel Gómez, o novo proxecto suporía ampliar esa proposta cunha infraestrutura de maior alcance, coa intención de que o municipio participe nun modelo de valorización e economía circular aplicado ao sector agrogandeiro.

0.11304593086243