O BNG leva ao Parlamento a residencia de Cervo e reclama que a Xunta asuma a súa xestión pública

AMariñaXa
Os nacionalistas cuestionan o incremento das tarifas coa nova concesión e critican que ningunha das 24 residencias anunciadas polo Goberno autonómico estea prevista na Mariña
bng-cervo-mariña-sanidade-queixas-setembro-2026
24 Sep 2026

O BNG levará ao Parlamento de Galicia a situación da residencia de maiores e centro de día de Cervo para reclamar que o Goberno autonómico asuma tanto a titularidade como a xestión pública das instalacións. A deputada Olalla Rodil e o deputado Daniel Castro anunciaron as iniciativas xunto aos representantes do grupo municipal nacionalista David Villares e Zulema Murado.

Os nacionalistas recuperaron así unha polémica que, segundo lembraron, comezou a principios deste ano arredor da nova concesión do Centro de Día-Residencia (CDR) e do posible incremento das cantidades que debían asumir as persoas usuarias.

O portavoz municipal, David Villares, asegurou que o BNG xa preguntara no pleno polo impacto que tería o novo contrato nas tarifas. Segundo a formación, a resposta da alcaldesa foi que nese momento non se coñecía a contía, pese a que os nacionalistas sosteñen que xa se sabía que o encarecemento alcanzaría o 40 %.

O BNG cuestionou tamén a información ofrecida durante os anos de tramitación da concesión e asegurou que nin a oposición municipal nin as persoas usuarias e as súas familias coñeceron suficientemente os detalles do proceso.

Villares volveu poñer o foco no modelo económico escollido. Ao seu xuízo, nin o estudo que serviu de base ao procedemento, nin a licitación nin a ordenanza aprobada posteriormente responderon a unha concepción do centro como un servizo público centrado nas necesidades das persoas maiores.

"Non se trata dunha empresa privada que pon uns prezos que cubran os custos de explotación e deixen unhas marxes de beneficio. Trátase dun servizo público", defendeu. Por este motivo, considera que as tarifas abonadas polas persoas usuarias non deberían ter que cubrir o custo do servizo e a rendibilidade da concesionaria, senón que deberían articularse outras fórmulas para financiar a parte restante.

"A nosa posición é clara: unha residencia municipal non debe funcionar coa lóxica dun negocio que ten que garantir beneficios. Debe funcionar coa lóxica dun servizo público que ten que garantir dereitos", resumiu Villares.

Os nacionalistas criticaron ademais a actuación posterior do Concello. Segundo indicaron, aprobáronse modificacións e suplementos de crédito para que a Administración local sufragase parte do incremento das tarifas, pero aseguraron que desde entón non tiveron máis información sobre a aplicación destas medidas.

XESTIÓN PÚBLICA

A deputada e responsable de Política Social do grupo parlamentario do BNG, Olalla Rodil, anunciou que a formación trasladará agora o debate á Cámara galega para demandar que a Xunta asuma a titularidade e a xestión directa do Centro Residencial e Centro de Día de Cervo.

Rodil contrapuxo o modelo defendido polos nacionalistas coa política social do PP e acusou os populares de considerar normal que se poida "facer negocio coa vellez drenando recursos públicos ao sector privado", en lugar de apostar por unha rede pública que, segundo defendeu, garanta a calidade de vida das persoas maiores.

A parlamentaria abordou tamén o anuncio de 24 novas residencias de maiores y criticou que ningunha delas estea prevista na Mariña. Para Rodil, a distribución de novos equipamentos sociais debería realizarse atendendo ás necesidades existentes en cada territorio.

"O BNG sempre defendeu que o criterio para distribuír novos equipamentos de carácter social pasa por fortalecer a rede pública naqueles lugares onde existe unha maior demanda, unha maior lista de espera a día de hoxe para optar a unha praza nunha residencia de maiores", sinalou.

Rodil insistiu en que o acceso a unha vellez digna "é un dereito fundamental que non pode acabar sendo obxecto do negocio e do lucro dun puñado de empresas". Neste sentido, reclamou que o Goberno autonómico asuma tamén a titularidade e a xestión pública das 24 residencias anunciadas, utilizando para iso instrumentos como a Axencia Galega de Servizos Sociais.

A deputada pediu igualmente explicacións sobre os criterios empregados para seleccionar os municipios nos que se prevén estes novos centros e, especialmente, sobre a ausencia da comarca mariñá. "Terá que explicar tamén por que non contempla ningunha residencia na Mariña", afirmou.

O BNG enmarcou estas demandas na súa denuncia sobre o que considera un déficit de prazas públicas residenciais en Galicia. Rodil acusou ademais o PP de utilizar os anuncios nesta materia con fins electorais e advertiu de que existen persoas dependentes que levan anos agardando por unha praza pública.

"O PP non pode usar os dereitos da poboación maior para facer campaña electoral", concluíu a parlamentaria, que cualificou de "despropósito" xogar coas necesidades de persoas que permanecen á espera dunha praza nunha residencia pública.

0.15545916557312